Entre 1941 e 1946 funcionou na comarca de Valdeorras, nos arredores de Casaio, unha serie de campamentos de guerrilleiros antifranquistas que, en conxunto, recibiron o nome de Cidade da Selva. Calcúlase que no momento de maior actividade (xusto antes da súa caída a mans da Garda Civil) esta rede chegou a acoller máis dun cento de combatentes e dise que nalgún deses campamentos podía verse izada a bandeira republicana.
Estase a traballar na realización dun documental que recolla toda a historia dos campamentos guerrilleiros, un filme que prevé a súa estrea na primavera do ano 2022
A súa existencia estaba ben documentada en documentos da época, memorias e traballos históricos, pero ata hai uns poucos anos non se levara a cabo unha investigación arqueolóxica sobre o terreo. Comezou a facelo no ano 2017 o proxecto de investigación 'Sputnik Labrego', que conta con financiamento do CSIC e da Xunta e co apoio da Comunidade de Montes de Casaio.
Durante os últimos tres anos os seus traballos permitiron profundar en aspectos como a vida cotiá dos guerrilleiros, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes, localizando unha vintena de campamentos. "O que coñecemos sobre todo son os feitos militares, pero non tanto como vivían nos campamentos ou as relacións que establecían coa veciñanza", destacaba nesta entrevista Carlos Tejerizo, un dos coordinadores da intervención.
O equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio o vindeiro ano 2021, na que será a derradeira campaña de escavación nos campamentos da Cidade da Selva. Esta investigación contará cunha subvención concedida polo Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática para proxectos de recuperación de Memoria Democrática.
O equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio o vindeiro ano 2021, na que será a derradeira campaña de escavación nos campamentos da Cidade da Selva
Ademais, estase a traballar na realización dun documental que recolla toda a historia dos campamentos guerrilleiros, un filme producido pola cooperativa audiovisual metropolis.coop que prevé a súa estrea na primavera do ano 2022. A película forma parte do obxectivo de "deixar un testemuño e unha narrativa para as xeracións futuras", en palabras de Alejandro Rodríguez, codirector das intervencións arqueolóxicas en Casaio. "Trátase dunha historia traumática pero que, grazas á achega da comunidade de Casaio, cremos que pode servir tamén como un bálsamo que peche feridas abertas", engade.
A campaña ofrece distintas recompensas paras as persoas que apoien a realización do filme, dende copias da película, seminarios arqueolóxicos e cinematográficos sobre a Cidade da Selva o ou un convite á estrea
Para o financiamento do documental, titulado inicialmente Cidade da Selva: fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio, o equipo con distintas subvencións públicas, pero iniciou tamén unha campaña de micromecenado que busca recadar entre 26 mil e 126 mil euros nos vindeiros 30 días. Polo momento obtivo xa máis de 11 mil a través de pequenas achegas. Miguel Riaño, director do documental, destaca que "o obxectivo desta campaña é dobre. Por unha banda, trátase de obter recursos para facer un produto de calidade que visibilice esta historia a escala nacional e internacional. Por outro, a propia campaña de financiamento é un medio extraordinario para divulgar esta historia, e pór os montes de Casaio no foco mundial".
O filme busca ser a crónica cinematográfica da derradeira fronte de batalla da Guerra Civil, que permaneceu activa ata un ano despois do remate da Segunda Guerra Mundial
A campaña ofrece distintas recompensas paras as persoas que apoien a realización do filme, que van dende camisetas serigrafiadas, copias da película, seminarios arqueolóxicos e cinematográficos sobre a Cidade da Selva por parte dos e das especialistas que traballan no proxecto ou un convite á estrea da película en Casaio, prevista para a primavera de 2022. Os distintos niveis de apoio adoptan nomes que van dende "fuxido", "enlace da guerrilla" ou "garda do arsenal" ata "novo recluta da guerrilla" ou "membro do Estado Maior da Federación de Guerrillas".
O filme busca ser "a crónica cinematográfica da derradeira fronte de batalla da Guerra Civil", que permaneceu activa ata un ano despois do remate da Segunda Guerra Mundial. Como dicía Carlos Tejerizo, "é imposible entender a Cidade da Selva sen contextualizala co que estaba a pasar na Segunda Guerra Mundial", nuns anos nos que os guerrilleiros buscaban resistir e abrir fendas no réxime franquista á espera dunha posible intervención internacional contra a ditadura que reinaba en España.
Foi moi salientable o papel das mulleres guerrilleiras
Tampouco se pode desligar das minas de volframio que se atopaban nos arredores, tamén estudadas polo equipo de Sputnik Labrego, sinalando Tejerizo que "os guerrilleiros tamén utilizaban as redes do volframio para financiarse e para contactar cos mineiros".
Salientable foi tamén o papel das mulleres guerrilleiras, destacado tanto polo equipo de Sputnik Labrego como polos traballos de José Antonio Gurriarán ou de Aurora Marco, por exemplo a través das figuras de Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo ou Antonia Rodriguez López (A Toña).