Un fanzine, unha ruptura e unha aposta pola ilustración: Julia Abalde gaña o II Premio Autobán

A coruñesa Julia Abalde CC-BY-SA Autobán

A artista coruñesa Julia Abalde é a segunda gañadora do Premio Autobán ao mellor fanzine galego con 'La ilusión', unha obra centrada no que pasa despois dunha ruptura amorosa na que combina poesía e ilustración

“Sinto que me achego á poesía case de xeito infantil”, di Julia Abalde (A Coruña, 1988), gañadora do II Premio Autobán ao Mellor fanzine galego que outorga a Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, por La ilusión, unha publicación autoeditada na que conviven poemas e ilustracións. O universo gráfico é ao que se dedica profesionalmente esta licenciada en Belas Artes pola Universitat de Barcelona, cidade na que residiu dúas décadas e da que volveu precisamente polo mesmo detonante que a edición deste libro: unha ruptura amorosa.

Tan cotiá como universal, o dó que segue á fin das relacións sentimentais é a pulsión que moveu a Julia Abalde a compartir uns poemas que aínda hoxe pode recitar de memoria en voz alta. “Eu sigo moi contenta co poemario. Pasou un ano dende que rematei o proxecto, quedou impreso, maquetado e listo. Aí tiven que darme un descanso mental del despois de miralo tanto. Pero hai un par de meses, na casa dunha amiga, atopeino por alí e lino de novo. Puiden miralo con mais distancia e a verdade é que estou contenta co que fixen”.

'La ilusión', II Premio Autobán ao mellor fanzine galego CC-BY-SA Julia Abalde

O xurado formado pola gañadora do Premio Nacional do Cómic Bea Lema, a bibliotecaria da Coruña Sira González e o artista Luis Yang, gañador da primeira edición deste galardón, salientou no seu fallo a “honestidade” da obra de Abalde “á hora abordar un tema universal como o desamor”, así como o uso dunha paleta cromática pastel “que serve como contrapunto á amargura que transmite o texto”. “As cores que utiliza van oscilando entre o rosa e o azul cunha intención narrativa que enfatiza os sentimentos recollidos en cada pasaxe do poemario”, conclúen.

"O que está reflectido no libro é esa transformación interior. Eu teño bastante sentido de humor e penso que nestes momentos de transición vital tan forte todo ten cabida"

“É unha loucura que publique isto?”, preguntoulle a autora a seu amigo Toni Junyent, autor do texto da contraportada do libro, antes de lanzarse a imprimilo. “El díxome que tirara cara a adiante –lembra–. E eu sempre pensei que non se poden tomar os poemas como unha verdade absoluta, son verdades circunstanciais que responden a unha emoción concreta... pero incluso a medida que vas lendo atopas contradicións, sempre hai contradicións nestes momentos convulsos”.

O humor está moi presente e faise notar por enriba da carga dramática que acompaña a quen sente que perdeu anos da súa vida construíndo un proxecto de vida compartido que resulta non ser tal. “É o propio dun momento de cambio, no que sentes cousas moi extremas. Ao final, o que está reflectido no libro é esa transformación interior. Eu teño bastante sentido de humor e penso que nestes momentos de transición vital tan forte todo ten cabida”, explica a autora.

Ilustracións e poemas conviven neste fanzine da coruñesa CC-BY-SA Julia Abalde

“No proceso este de crise, de ruptura da relación, estaba escribindo moito e tiven a sensación de que tiña sentido darlle forma porque había unha unidade temática. É algo que antes non sentira, pois xa iniciara un proxecto de poesía antes pero non acababa de sentilo listo. Ademais, en certo modo, centrarme nisto axudoume moito a nivel emocional e psicolóxico”, asegura Julia Abalde.

"Eu quedo pillada, voume obsesionando co poema, cambiándoo e memorizando cada palabra a cada paso", di Julia Abalde sobre o seu proceso de escrita

A coruñesa describe como estas poesías, acompañadas polas súas ilustracións, son froito dun diálogo interior: “Eu quedo pillada, voume obsesionando co poema, cambiándoo e memorizando cada palabra a cada paso. Supoño que como nisto da poesía son moi amateur síntome máis libre para experimentar, porque tampouco me esixo tanto como no debuxo”.

La ilusión enfróntase ao mito do amor romántico desde a experiencia real, sen adornos nin fantasías. “Eu tiña 35 anos, estaba vivindo unha ruptura e estaba esnaquizada. Non sei se o meu proxecto de vida podería saír adiante ou non, e penso que é unha situación que non había porque esconder. Fun honesta e fiel ao que sentía, pero insisto en que aquí non hai verdades absolutas”, conta.

Ambiente da edición do Autobán de 2023 na Coruña CC-BY-SA Autobán

Este premio Autobán chega á vez que Julia Abalde decidiu apostar pola ilustración e a creación como ocupación principal. Regresou á Coruña e está inmersa en varios proxectos para sacar adiante as súas propias historias, en formatos que poden ir desde os contos ao álbum ilustrado. 

De momento, esta fin de semana –15 e 16 de agosto– estará no festival coruñés de cómic autoeditado, que se celebra á vez que o Viñetas desde o Atlántico, impartindo un Obradoiro de debuxo en movemento. A programación completa do Autobán pode consultarse no seu sitio web

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.