Trátase dun catálogo en liña de videoxogos en galego pensado para superar as dificultades que ofrecen as distintas tendas e plataformas dixitais á hora de intentar xogar na lingua propia do país
Queres atopar videoxogos en galego pero non sabes onde buscalos? Queres estar ao tanto das últimas novidades que contan con versións na lingua propia do país? Vén de nacer Xogalego, un catálogo en liña de videoxogos en galego pensado para superar as dificultades que ofrecen as distintas tendas e plataformas dixitais de videoxogos, como Steam ou as tendas de Sony, Nintendo ou Microsoft, á hora de intentar xogar no noso idioma.
Xogalego pretende reunir nun único lugar os videoxogos dispoñibles en galego para facilitar a súa descuberta, dar visibilidade aos videoxogos que apostan pola nosa lingua e promover o uso de videoxogos en galego no ámbito educativo e familiar como elemento de normalización lingüística.
O proxecto busca ademais tender pontes entre a sociedade xogadora galega e os estudios que crean ou traducen os videoxogos ao galego
O proxecto busca ademais tender pontes entre a sociedade xogadora galega e os estudios que crean ou traducen os videoxogos ao galego. E, igualmente, busca recoñecer as traducións feitas por afeccionados de videoxogos dos anos 80, 90 e da primeira década deste século.
A proposta, destacan os seus responsables, "é máis ca un catálogo en liña", pois ademais de presentar unha listaxe actualizada, Xogalego expandirase con visitas a centros educativos e outras actividades que buscan achegar videoxogos en galego á sociedade galega e "seguir derrubando prexuízos sobre este medio aínda presentes nalgúns espazos da sociedade".
Xogalego expandirase con visitas a centros educativos e outras actividades que buscan achegar videoxogos en galego á sociedade
A iniciativa, que antes do seu lanzamento obtivo o Premio a Proxectos Singulares da Deputación da Coruña, chega nun momento no que o sector do videoxogo en Galicia está no foco grazas a eventos relevantes recentes como Píxel a Feira que contribúen a pór en valor o sector dos videoxogos e contan con cada vez máis público interesado.
Xogalego é unha creación de Recuncho Gamer, proxecto pioneiro en galego arredor dos videoxogos liderado por Iago Gordillo
Xogalego é unha creación de Recuncho Gamer, proxecto pioneiro en galego arredor dos videoxogos liderado por Iago Gordillo (Carral, 1986) e premiado en numerosas ocasións nos últimos anos. O espazo procura a divulgación amena sobre os videoxogos, entendendo estes como un produto cultural no que converxen moitas artes. Faino cun equipo de seis persoas a través de varios formatos audiovisuais como videoensaios, podcasts, entrevistas e directos en plataformas como YouTube e Twitch.