O tribunal rexeita converter a xustiza “en caprichoso vehículo de inxerencia socialmente innecesaria na esfera de liberdades dunha persoa” pola “película de ficción” que a entidade que preside Tebas creou arredor das súas mensaxes de móbil
A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir un auto no que confirma o arquivo proposto pola xuíza instrutora da causa aberta a instancias da Liga Nacional de Fútbol Profesional (LNFP ou La Liga) contra o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, por unha mensaxe de voz que enviou aos seus compañeiros de equipo na que segundo a entidade que preside Javier Tebas pretendía amañar un partido de fútbol tras a decisión do Fuenlabrada de viaxar á Coruña con varios futbolistas con coronavirus. O tribunal avala á instrutora e vai máis alá, con novos reproches contra o intento de La Liga de seguir adiante coa causa.
“Acaso conveñan algunhas observacións preliminares”, din os maxistrados antes de entrar na análise do fondo do recurso de La Liga, e lembran a continuación que “a Constitución non outorga ningún dereito a obter condenas penais” como pretendía a entidade. A audiencia avala “pechar o paso” a “o intento de converter a xurisdición (e o proceso penal) en algo que non é, en caprichoso vehículo de inxerencia socialmente innecesaria na esfera de liberdades dunha persoa”, na que enmarca a mensaxe de Bergantiños, na que non ve delito algún senón que “transmite aos xogadores do seu equipo as súas impresións e preocupación”.
Ao tempo que se arquivou a causa contra Bergantiños abriuse unha investigación contra os policías que o detiveron, e hai outra tamén sobre a propia viaxe do Fuenlabrada á Coruña con positivos por COVID
O auto mesmo avala expresamente a “elocuente” expresión da instrutora na que ao arquivar a causa dixo que a tese do “amaño do partido entre xogadores, resulta máis ben o argumento dunha película ou novela de ficción”, consideración que tamén respaldou a Fiscalía. “Visto o descorrer dos acontecementos, non se antolla algo dialecticamente esaxerado ou fora de lugar”, valora agora a Audiencia.
Ao tempo que se arquivou a causa contra Bergantiños, decisión agora avalada pola Audiencia, abriuse outra investigación contra os axentes de policía que o detiveron, e igualmente segue aberta unha terceira sobre a propia viaxe do Fuenlabrada á Coruña malia ao positivo por COVID-19 de varios xogadores.