A selección galega amateur disputa esta tarde ante Asturias no estadio ferrolán da Malata o seu pase á fase final estatal da Copa das Rexións UEFA, competición que gañou en 2023 tras impoñerse ao combinado de Belgrado. Farao cun novo uniforme, presentado este pasado martes en Vigo polo dianteiro do Celta, Borja Iglesias. Unha camiseta fundamentalmente branca, con mangas de cor azul celeste, como o pantalón, e que deixa atrás as franxas verticais ao estilo da indumentaria de Arxentina.
Con esa camisola a raias foi coa que a selección galega absoluta disputou o pasado ano o seu último partido con futbolistas profesionais, cando foi derrotada por 0-2 por Panamá en Balaídos. Era o 24º encontro desde que os mellores futbolistas galegos se xuntaran hai máis dun século, en 1922, para enfrontarse ao combinado Centro no campionato interrexional.
Borja Iglesias presenta a nova camiseta da selección galega, que agarda a disputa do seu 25º partido logo do último celebrado en Balaídos ante Panamá en 2024
Naqueles primeiros anos 20 do século pasado, Galicia disputaba os seus partidos cunha camisola totalmente branca e cunha cruz de Santiago estampada no peito, un deseño sobrio que a Federación Galega de Fútbol (FGF) dixo querer "recordar" co uniforme que presentou en 2016 para o encontro que a Irmandiña disputou en Riazor e que supuña a volta do combinado profesional oito anos despois. Camisola totalmente branca e pantalón azul que tamén luciu o combinado feminino, que non se volveu reunir desde ese ano, cando caeu na Lomba (Vilagarcía) ante Catalunya.
Antes, tamén en Riazor pero en 2008, puxérase punto final contra Irán a unha serie de catro partidos disputados durante as festas de Nadal desde 2005, cando o goberno de coalición entre PSdeG e BNG impulsou o regreso da selección galega de fútbol tras máis de 65 anos de ausencia cun histórico partido ante o Uruguai en San Lázaro.
Galicia debutou en 1922 cunha camiseta branca coa cruz de Santiago e innovou en 2005 cun deseño de Pepe Barro; agora opta por outra camisola branca con mangas celestes
Para aquela ocasión, da que se fixeron vinte anos o mes pasado, Galicia estrou unha camiseta innovadora, que xuntaba bandas azuis en forma de bandeira diagonais e ordenadas para transmitir, segundo dixera o deseñador, Pepe Barro, "dinamismo e acción para dar unha sensación de equipo e de unión". O deseño, "cheo de simbolismo" como se destacara daquela, serviu non só para o uniforme do equipo de fútbol, senón logo para outras moitas seleccións galegas como a do balonmán e mesmo para o desaparecido equipo galego ciclista.
Pero a Irmandiña desapareceu tras o regreso do PP á Xunta. O argumento económico e da "austeridade" foi o elixido por Núñez Feijóo para non apoiar a organización dos amigables, aínda que estes eran sufragados con patrocinios privados. Todo entre fortes críticas do seu Executivo e do seu partido ante uns encontros que cualificaban de "circo identitario" ou de "nulo valor deportivo".
Louzán recuperou a Irmandiña
Ante a negativa da Xunta e da Federación a organizalo, o colectivo Siareiros Galegos mantivo a chama acesa varios anos con encontros reivindicativos. Ata que, xa en 2016, o daquela presidente da FGF, ex-responsable provincial en Pontevedra do PP e actual presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, decidiu recuperar a Irmandiña en 2016.
En 2024, oito anos despois, Pablo Prieto, actual presidente a FGF, impulsou tamén a disputa dun novo encontro ante Panamá. E aínda que prometeu unha nova aparición da Irmandiña en 2025, este aínda non se produciu.
Este pasado martes, Prieto estivo presente na presentación do novo uniforme para as seleccións galegas de fútbol. Desta volta, a Federación optopu por unha camiseta branca con detalles en azul celeste e azul mariño, uniforme presentado polo santiagués Borja Iglesias, que gabou o deseño e lembrou a cantidade de ocasións nas que luciu o escudo da Federación Galega no seu paso polas categorías inferiores.
A nova camiseta agarda agora para ser lucida no vindeiro partido para a selección galega, que non ten data nin previsión aínda logo do celebrado hai ano e medio en Balaídos contra Panamá. Sería o 25º encontro do equipo cos mellores futbolistas galegos.
Entre as opcións, futbolistas do nivel de Gabri Veiga (Porto), Borja Iglesias, Hugo Álvarez, Pablo Durán ou Iago Aspas (Celta), Álvaro Carreras (Real Madrid), Angeliño (Roma), Dro (PSG), Brais Méndez (Real Sociedad), Mella e Loureiro (Deportivo), Santi Comesaña (Villarreal) ou Nico González (Manchester City).