Unha ducia de bandas a non perder no FIV 2024
O Festival Independente de Vilalba chega xa ás 17 edicións, unha traxectoria consolidada que levou á capital da Terra Chá ás mellores bandas indies do Estado e que o 26 e 27 de abril volverá atraer centos de persoas para ver en directo a Dorian, El Columpio Asesino, Iván Ferreiro, Mondra, Grande Amore ou Lontreira. Repasamos aquí as formacións e DJs que encherán o recinto situado na Praza da Constitución
-
01
Grande Amore
A música galega atravesa un momento histórico, con artistas e bandas que enchen salas e que rachan todas as tradicionais fronteiras estilísticas. Grande Amore é unha desas formacións, convertida xa nun trío coa unión de María Grep e Clara Redondo con Nuno Pico. Co seu segundo álbum a banda converteuse "na indiscutible -e involuntaria- voz da súa xeración" (Noel Feáns dixit), unha forza que demostra sobre todo nos seus directos, como recoñecía nesta entrevista en Praza.
-
02
Mondra
Grande Amore compartirá escenario o venres 26 con Mondra, Martín Mondragón, que o ano pasado publicou un dos discos galegos do ano, ARDĒN, un traballo chamado a facer historia.
"ARDĒN' é unha celebración da xente nova porque somos válidas e porque sen nós non hai futuro", dicía nesta entrevista en Praza. En Vilalba Mondra levará a festa sen fin de cancións como Ruando ou PUNHETA!.
-
03
Veintiuno
O venres tamén actúan Veintiuno, que dende Toledo presentan El Arte de Perder, o seu último traballo que inclúe a colaboración con Love of Lesbian 'La Vida moderna'
-
04
Dorian
A estrela da primeira noite do FIV 2024 será Dorian, unha das bandas fetiche do festival, cunha chea de fans que se achegarán a velos dende toda Galicia. Este directo da edición 2012 é unha mostra da comunión que establecen co seu público en temas como "Tormenta de Arena" ou, por suposto, "A cualquier otra parte".
-
05
Eme DJ
Eme DJ pechará a noite do venres. A picadiscos Marta Fierro, habitual dos festivais de toda a Península dende hai vinte anos, regresa a Vilalba, onde xa triunfou coa súa música, como se pode ver neste vídeo da edición 2012. Nos últimos tempos, ademais, protagonizou o documental Miedo al miedo, dirixido por Menchu Esteban, no que a artista amosa a súa experiencia coa ansiedade e a depresión, coas que ten que lidar na súa actividade sobre os escenarios.
-
06
Lontreira
Lontreira é unha desas descubertas recentes da nova música galega. Héctor e Adriana chegan dende Moaña e A Illa de Arousa, cun estilo que mestura a electrónica e os sons tradicionais, pero tamén a cumbia e que os levou a gañar o concurso da TVG A Canción do Verán. Serán unha das bandas que abrirá a xornada do sábado.
-
07
Niña Polaca
Niña Polaca publicaron recentemente o seu esperado segundo álbum, Que adoren tus huesos, no que volven ofrecer hits pop como Travieso”, “Mucho tiempo contigo” ou “Los días malos” que unen a "Nora" ou "La muerte de Mufasa"
-
08
Iván Ferreiro
Que dicir de Iván Ferreiro? O vigués leva case 35 anos, dende os tempos de Los Piratas, "nas trincheiras do pop", como di nunha das cancións do seu último disco, publicado o pasado ano. No FIV, no que xa actuou em 2017 ou 2019 volverá capitanear a súa lexión de fans, que de seguro corearán os seus temas novos e clásicos, dende "Años 80" a "Turnedo"
-
09
El Columpio Asesino
El Columpio Asesino iniciaron hai uns meses a súa xira de despedida, despois de 25 anos sobre os escenarios, un tempo no que triunfaron en España e tamén en América (sobre todo en México) con temas como "Toro", "Perlas", "Babel" ou "Preparada". Nos últimos días a banda de Pamplona sufriu a morte do seu baixista, Daniel Ulecia. Son habituais do FIV, do que se despedirán o sábado.
-
10
Serial Killerz
O sábado Serial Killerz levará ao escenario unha sesión moi enérxica na que poden pasar "dun tema de AC/DC ou Ramones a outro de Nina Simone sen perder a técnica e a adrenalina que os caracteriza".
-
11
Señora DJ
Tanto o venres coma o sábado, a arousá Señora DJ porá a música para seguir bailando ata a madrugada co seu estilo único que fusiona indie, pop, urbano, disco e techno, "cun toque de petardeo fino"
-
12
Así foi o FIV 2023
Para quen non coñeza aínda o festival, este vídeo é unha mostra do que se puido ver o pasado ano. Vilalba acolle agarimosa as persoas que se acheguen dende o resto do país, con zonas de acampada no Estadio Roca e no CEIP Mato Vizoso, a variada oferta gastronómica e hoteleira da vila e un recinto cuberto no que gozar dos concertos a salvo das inclemencias meteorolóxicas.
As entradas, aínda á venda, pódense adquirir a través da súa web por un prezo de 25 euros (un día) ou 45 euros polo abono completo.