Unha ducia de bandas e artistas gañadoras dos Premios Martín Códax da música dende o 2013
O vindeiro 8 de maio coñeceranse os triunfadores na VI edición dos principais galardóns da música galega, organizados por Músicas ao Vivo. Dende a súa primeira edición, celebrada a finais de 2013, entregáronse uns 70 galardóns, que repasamos nesta ducia.
-
01
NARF
Fran Pérez, Narf, foi recoñecido na primeira edición do Martín Códax, en 2013, como mellor intérprete na categoría de de Rock e Blues. O músico deixounos en novembro de 2016, deixando unha fonda pegada na cultura galega. Imos lembralo co seu “Afroblues”
-
02
Das Kapital
Tamén nesa primeira edición Das Kapital obtivo o premio na categoría de Electrónica. A formación, que se despediu en 2015 cun álbum sen título, publicara antres outros dous traballos, Ruído Negro (2011) e Grecia (2013), do que escollemos este tema, gravado no contexto da crise que percorría Europa.
-
03
Eladio y los Seres Queridos
Eladio y los Seres Queridos levaron o premio na categoría de Pop e Indie nesa primeira edición de 2013 e repetiron na última edición celebrada, o pasado ano. Escollemos a versión que fixeron do "Camariñas", publicado en Cantares.
-
04
Ataque Escampe
Ataque Escampe fixéronse con ese mesmo galardón Pop / Indie na segunda edición dos Martín Códax, en 2014. Escollemos o "Alan Lómax" do seu álbum Primeiros Bicos (2017)
-
05
Sumrrá
Porque non todo vai ser pop. Nesa segunda edición dos Martín Códax Sumrrá obtivo o premio na categoría de jazz e músicas improvisadas, recoñecendo o traballo deste trío formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e L.A.R. Legido (batería). Escoitamos "Johannesburgo"
-
06
Caxade
Na categoría de Folque, o premio foi para Caxade, tanto no 2014 coma no 2016. Nese 2014 publicara A Dança dos Moscas, na que se incluía este "Gente Pota"
-
07
De Vacas
É habitual que De Vacas nos sorprendan con deliciosas versións de temas ben coñecidos, como o "Amodiño", o "Son eu" ou o recente "Rexurdimente" que unía ás dúas Rosalías. En 2016 levou o Martín Códax na categoría de Coros e Grupos Vocais. Escoitamos o "Son eu", orixinalmente de Marta Sánchez, para falar sen cancelas sobre a regra.
-
08
García MC
En 2017 García MC fíxose co Martín Códax na categoría de Hip Hop e Músicas Urbanas. En realidade xa en 2013 Dios ke te Crew, colectivo do que formaba parte dende o 2003, levara o galardón. Na actualidade acompáñase da banda Nación Quilombo, coa que gravou este "Deitado frente ó mar" de Celso Emilio Ferreiro, que xa cantaba cos Labregos do Tempo dos Sputniks.
-
09
María Fumaça
A categoría de Música Infantil amosou nos últimos anos a extraordinaria calidade deste tipo de proxectos en Galicia. A Gramola Gominola, Brinca Vai! ou Golfiños foron algúns dos gañadores. O mesmo que , na cuarta edición, María Fumaça, do que escoitamos “Fun ao Mercado”
-
10
Os Amigos dos Músicos
Nesa cuarta edición levaron o premio Pop/Indie Os Amigos dos Músicos, que están a piques de publicar o seu segundo álbum, Segundo Fogar, do que xa coñecemos este adianto: "As Crónicas"
-
11
Agoraphobia
A banda de Boiro Agoraphobia leva xa moitos anos facendo ruído. Na cuarta edición dos Martín Códax fixéronse co galardón na categoría de mellor grupo de Rock, grazas a temas como “City of Alexandria”. En 2017 publicaron o seu primeiro LP, Incoming Noise, co que están a acadar un enorme éxito dentro e fóra de Galicia.
-
12
Xosé Lois Romero & Aliboria
O pasado ano Xosé Lois Romero & Aliboria gañaron o premio na categoría de Música Tradicional Galega, grazas as temas como "Caroi"
-