Unha ducia de boas novas para o galego
O galego xa tivo semanas, meses, anos, lustros e mesmo séculos mellores que os actuais. Así e todo, nestes tempos tamén hai boas novas e inxeccións de esperanza. Vaia por diante que quen subscribe é consciente de que se interna nun terreo delicado. Vaia por diante, asemade, que a tristura nunca foi boa conselleira. Velaquí algunhas mostras.
-
01
O bravú
Efervescencia e rock en galego nado en 1994 nunha parrillada chantadina chamada El caballero de Viana e alcumada O Sistema, toda vez que o taberneiro explicaba que "o sistema" consistía en comer churrasco ou cocido en función da época do ano da que se tratase. Toda unha explosión cultural e arroutada cuxas fillas e fillos aínda choutan nos campos da festa. O volume Non temos medo. Historia Oral dos Diplomáticos de Monte Alto, asinado por Rodri Suárez, vén de erixirse en biografía do grupo coruñés e de boa parte daquel movemento no seu vixésimo aniversario.
-
02
O Xabarín
No mesmo ano que o bravú naceu na pantalla da TVG e baixo a dirección de Suso Iglesias o porco bravo que máis alegrías lle deu a rapazada do país e que máis sustos provocou nalgúns pais e nais ao comprobaren que as súas crianzas se botaban, inusitadamente, a falar o galego. Esas nenas e nenos medraron e agora hai quen di que forman unha xeración de seu.Doraemon, Songoku, Hatori, O gran Sushi ou Arale nunca tiveron asento na Secretaría Xeral de Política Lingüística, pero ben podían.
-
03
As escolas
Mal que lle pese a algunhas persoas, asociadas ou non en grupúsculos máis ou menos risibles, o ensino puido e pode servir para achegarlle a lingua galega ao alumnado. Tamén para todo o contrario, pero iso é outro conto. Acontece nas aulas ordinarias do ensino regulado, aconteceu nas aulas públicas de 0 a 3 anos e sucede tamén en esforzadas iniciativas que pulan polo galego en diversos puntos do país, caso por exemplo do proxecto Semente.
-
04
O Plan Xeral de Normalización
Como nova, foi boa. Non en van, foi o primeiro consenso arredor do xeito de normalizar o idioma dende a Lei de Normalización de 1983. O actual Goberno reduciuno á categoría de "remuíño de ideas" e vén de facer 10 anos con bastante mala saúde.
-
05
Que é internacional
Xa metidos a meternos en terreos sensibles... Alén de escollas ortográficas e gramaticais, é indubidable que a lingua galega é internacional e unha ponte de primeira magnitude coa lusofonía, que é o mesmo que dicir medio mundo. Esta "vantaxe histórica" avanza devagar no ámbito oficial, agora coa Lei Paz Andrade. "Quen nos dera ter a nós un Brasil", asegurou un empresario catalán ao viaxar cun homólogo galego ao país sudamericano.
-
06
O .gal
Foi un parto lento, de sete anos, pero dende o pasado Día Nacional de Galicia xa é unha realidade o dominio galego en internet, que podes observar neste mesmo xornal que estás a ler. Hai quen o reservou e aínda non o utiliza. Pero seguro que o vai facer. Case seguro, vaia.
-
07
A campaña Gústame o galego
Unha das accións máis orixinais a prol da lingua desenvolvidas no país nos últimos anos. Partindo dunha base ben sinxela a Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua logrou que unha morea de persoas e colectivos amosasen o seu gusto e o seu amor polo idioma de noso.
-
08
As mareas humanas a prol da lingua
Que as houbo. Fronte a outras iradas pero pequenas marchas malia á indignación importada de alén Padornelo, foron múltiples as accións cidadás, festivas, pacíficas e multitudinarias na defensa do idioma.
-
09
Os medios en galego
Que existen e resisten. Por desgraza, algúns quedaron polo camiño por motivos diversos, non todos relacionados co idioma no que se editaban. Se ben isto é certo, non o é menos que en apenas dous anos floreceron novas cabeceiras e outras existentes colleron pulo para seguir adiante. Que así sexa, non dubide vostede, depende de todas e todos.
-
10
As etiquetaxes en galego
Non son maioría, pero son un bo número as entidades e empresas que apostan polo galego na etiquetaxe ordinaria dos seus produtos e servizos. "Os defensores da lingua galega deben ser coherentes á hora de consumir". Deben tal.
-
11
Android en galego
A boa nova máis recente, resultado dun ano de traballo da boa xente de Mallando no Android. Disque en Google ficaron impresionados polo activimo a prol da lingua galega. Non todo son choros, miñas donas e meus señores.
-
12
A Terra de Soneira
É, segundo os datos máis recentes, a comarca do país con máis persoas que se expresan habitualmente en galego. Tamén se pode facer por imitala, claro.