Unha ducia de mulleres pioneiras que abriron camiño en Galicia
Este martes celébrase o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Na historia recente de Galicia houbo un gran número de donas que abriron camiños, que foron pioneiras en distintos ámbitos, superando case sempre grandes dificultades, nunha sociedade terriblemente machista. Repasamos aquí só algunhas delas, botando man do arquivo do Album de Mulleres do CCG. Lembra aquí a ducia de científicas, a ducia de artistas, a ducia de deportistas, a ducia de irmandiñas ou estoutra ducia de mulleres que deberían ser máis coñecidas que fixemos anteriormente.
-
01
Antonia Ferrín Moreiras
O Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega chámalle "a contadora de estrelas". Nacida no Carballiño en 1914, Antonia Ferrín Moreiras licenciouse en Química na USC nos anos trinta e comezou a traballar como profesora na Facultade de Ciencias da universidade compostelá. Aínda que en 1937 polos seus posicionamentos políticos e tras unha denuncia anónima foi apartada da docencia puido reincorporarse á docencia universitaria en 1940.
Neses anos coñeceu a Ramón María Aller e interesouse pola astronomía, traballando no Observatorio Astronómico da USC e publicando investigacións en distintas revistas de astronomía. En 1963 defendeu a primeira tese de Astronomía realizada por unha muller en España.
-
02
Felicia Auber
Virginia Felicia Auber naceu na Coruña en 1825, aínda que sendo nena marchou ás Canarias e despois en Cuba. Alí desenvolveu unha precoz carreira como escritora e xornalista. Os seus textos defenden a ilustración da muller, a igualdade intelectual co home. Despois de vivir en Milán e París, instalouse en Madrid, onde faleceu.
-
03
Sofía Casanova
Sofía Casanova naceu na Coruña en 1861. Foi actriz de teatro, poeta, novelista e xornalista e, de feito, aínda que foi nomeada candidata ao Premio Nobel de Literatura en 1926, tiveron máis sona as súas crónicas e escritos xornalísticos, sendo a primeira galega correspondente de guerra, vivindo de primeira man as dúas guerras mundiais e a Revolución Rusa. Foi membro correspondente dende os inicios da Real Academia Galega e en 1952 foi nomeada membro de honra dela. Apoiou publicamente a Franco e mostrou simpatía polo nazismo e polo fascismo.
-
04
Juana Capdevielle
Aínda que naceu en Madrid, en 1936 Juana Capdevielle trasladouse a Galicia cando o seu home foi designado Gobernador Civil da Coruña tras a vitoria da Fronte Popular. Licenciada en Filosofía e Letras e despois de realizar ampliacións de estudos en varios países europeos, en 1933 converteuse na primeira muller xefa dunha biblioteca na universidade española. Ademais, ese mesmo ano foi xefa técnica dunha das mellores bibliotecas privadas do país, a do Ateneo de Madrid.
Despois do Golpe de Estado, o seu home é detido e executado. Cando Juana Capdevielle, que estaba embarazada, chama para interesarse pola súa sorte é tamén detida e encarcerada, un paso pola prisión no que sofre un aborto. Liberada poucos días despois, refúxiase na casa do deputado de Esquerda Republicana Victorino Veiga. Poucos días despois, o 17 de agosto, foi detida por membros da Garda Civil, violada e asasinada, aparecendo o seu cadáver en Rábade.
-
05
María Barbeito
A mestra María Barbeito, nacida na Coruña en 1880, introduciu en Galicia algúns dos métodos de renovación pedagóxica de moda en Europa. En 1911 converteuse en directora das pioneiras Escolas da Guarda. En 1933 obtivo o cargo de Inspectora Mestra dende o que creou un Plan de Lectura Global (1934) para as escolas da súa zona de inspección. En 1936 foi afastada do seu posto de mestra das Escolas da Guarda e tivo que se someter á Comisión Depuradora do Maxisterio, sendo finalmente destituída dos seus cargos académicos e forzada a xubilarse
-
06
Olimpia Valencia
En 1925 Olimpia Valencia converteuse na primeira muller galega licenciada en Medicina. Fíxoo na Universidade de Santiago, onde uns poucos anos antes obtiveran o seu título as irmás Jimena e Elisa Fernández de la Vega, nacidas en Vegadeo (Asturias). Licenciada con 19 matrículas de honra e premio extraordinario, especializouse en xinecoloxía. En 1936 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas. Con todo, seguiu traballando na súa clínica particular ata a década dos 70, con ao redor de 80 anos. A Facultade de Medicina da USC decidiu que a súa biblioteca leve o seu nome.
-
07
María Luz Morales
María Luz Morales, nada na Coruña en 1898, está considerada unha referencia para a incorporación das mulleres ao xornalismo. Foi a primeira muller na historia de España en dirixir un xornal, o catalán La Vanguardia entre 1936 e 1939, ata que Barcelona é conquistada polas tropas franquistas. Colaborou no guión da película documental L'Espoir (ou Sierra de Teruel), dirixida por André Malraux. Foi inhabilitada como xornalista e encarcerada nun convento. A partir de 1948 comezou a retomar a súa carreira profesional, destacando as súas críticas teatrais. Dálles nome a uns premios de investigación impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións.
-
08
Rita Fernández Queimadelos
Rita Fernández Queimadelos naceu na Cañiza en 1911 e dende nena a arquitectura foi a súa paixón. A pesar da resistencia de seu pai a que estudase esta carreira, finalmente a presión das súas dúas avoas permitiu que puidese comezar os estudos de arquitectura en Madrid en 1932.
Cando levaba catro cursos aprobados, a Guerra Civil paralizou a súa traxectoria académica, que só puido reanudar en 1939, obtendo a titulación en 1940 e converténdose na segunda muller que o facía en España. Comezou a traballar como arquitecta, aínda que en 1947 interrompeu a súa carreira durante oito anos para criar a súa filla, retomando despois a práctica profesional
-
09
Dolores Trabado
Dolores Trabado foi a primeira muller taxista de España. Como lemos no proxecto do Concello de Pontevedra Do gris ao violeta, tiña permiso de conducir desde 1923, cando había na provincia de Pontevedra 1.417 persoas con este permiso e ela era a única muller. O seu taxi (un Dodge, despois un Chrysler, un Fiat, un Ford ou un Peugeot) foi moi coñecido na cidade de Pontevedra ata os anos 60 do pasado século.
-
10
Celia Rivas
De condutora a condutora. Se Dolores Trabado foi pioneira das taxistas, Celia Rivas foino das camioneiras. Nacida en Fisterra en 1912, aos 20 anos comezou a conducir o camión de transporte de peixe da súa familia, converténdose na primeira muller con carné de camión en España. O seu camión foi requisado polas autoridades franquistas no verán de 1936; para non perdelo, Celia Rivas ofrécese como condutora, transportando soldados. Porén, durante eses meses tamén socorreu a republicanos que fuxían dos fascistas e mesmo a soldados estadounidenses dun avión que se estrelou na praia da Langosteira.
Nas décadas seguintes, baixo o seu impulso a empresa Fillos de Joaquín Rivas, dedicada á comercialización de peixe e marisco, medrou ata contar 250 traballadores, barcos de pesca, frota de transporte e diversas fábricas.
-
11
María Antonina Sanjurjo Aranaz
Nacida en Compostela en 1910, María Antonina Sanjurjo Aranaz foi unha pioneira xogadora de hóckey sobre herba, fundadora en 1932 do Atlántida Hockey Club de Vigo. Estudou Peritaxe Mercantil en Vigo e despois marchou a Madrid para graduarse en Dereito. Posteriormente, realizou varias estadías en universidades estadounidenses entre 1935 e 1939. Nese ano, enferma de tuberculose, regresa a Vigo para morrer.
Na Residencia de Señoritas de Madrid coñeceu o hóckey sobre herba, que populariza en Vigo nos anos seguintes. En 1933 foi nomeada tesoureira da Federación de Hóckey de Galicia, que se acababa de crear e nas seguintes eleccións foi nomeada Presidenta de Honra.
Estivo vencellada tamén ao Partido Galeguista, asinando en 1931 un manifesto de mulleres universitarias solicitando o voto para a formación, á que se afiliou en 1933, actuando como bibliotecaria da súa agrupación en Vigo.
-
12
Concepción Ramón Amat
Aínda que naceu en Tarragona en 1895, Concepción Ramón Amat chegou aos 25 anos a Galicia para dar clase na Escola Normal de Ourense. En 1932 foi escollida para dirixir a Escola de Maxisterio unha vez fusionadas a de mestres e a de mestras na que leva a cabo unha actividade moi intensa e renovadora. En 1945 separáronnse novamente as escolas de mestres e de mestras, que reciben os nomes de Padre Feijóo e Concepción Arenal respectivamente, pasando ela a dirixir a escola de mestras. Cando no ano 1964 se volven fusionar nunha escola mixta, de novo esta vai ser dirixida por Concepción Ramón Amat