Marcos Pérez Pena

Unha ducia de exposicións para ver nos museos de Galicia esta primavera

Imos crear un poco de FOMO. Neste momento e nos vindeiros meses son moitas as exposicións que se poden ver en Galicia, nomeadamente nas cidades pero tamén en museos e salas espalladas por outras comarcas. Repasamos aquí algunhas destas citas para que non perdas ningunha

  1. 01

    Ourense no tempo (Afundación Ourense)

    Ata este 11 de maio pódese ver na sede ourensá de Afundación a mostra Ourense no tempo, comisariada por Manuel Gago e que continúa a serie de exposicións sobre a historia das cidades galegas e que busca reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia, como nos contaba Gago nesta entrevista

  2. 02

    Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Fotografías de Xan Carballa (Museo de Pontevedra)

    Este ano celébrase o 40º aniversario do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con ese motivo, o Museo de Pontevedra organizou Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, unha exposición comisariada por Xosé Enrique Acuña que se pode visitar ata o 2 de xuño, na que se lembra aquel 28 de xuño de 1984 a través de 52 imaxes de Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra.

    Podes ver aquí unha ducia destas imaxes

  3. 03

    Xaquín Marín, Humor líquido (Fundación Luís Seoane. A Coruña)

    Este 20 de abril inaugúrase na Fundación Luís Seoane da Coruña a exposición Xaquín Marín, humor líquido que escolma máis de 200 obras do debuxante. A mostra, que será itinerante e que pasará por outras localidades do país, forma parte das actividades de Xaquín Marín alén das viñetas que Galiza Cultura vén realizando desde 2022. Pódese ver ata o 19 de maio.

  4. 05

    Lamazares. Inda é día (CGAC. Santiago)

    No Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) son varias as exposicións temporais que se poden ver nesta primavera. Ata o 5 de maio destaca a mostra Lamazares. Inda é día, comisariada por António Gonçalves, que realiza un repaso integral á obra do artista lalinense.

    No MARCO, ademais, destaca a mostra sobre o artista vigués Bosco Caride

  5. 06

    Regressar (Museo do Pobo Galego. Santiago)

    A carón do CGAC, no Museo do Pobo, este 25 de abril -coincidindo co 40 aniversario da revolución dos cravos- inaugúrase a exposición Regressar, un proxecto da artista visual Raquel Díaz sobre o proceso de creación dun libro ilustrado da historia recente da Beira Alta, no interior de Portugal, narrada a través da memoria popular.

  6. 07

    Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum (Cidade da Cultura. Santiago))

    Na Cidade da Cultura, a mostra máis destacada desta primavera é Tesouros reais, unha exposición internacional que achega a Galicia o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. É a primeira vez que se pode ver en España e estará dispoñible ata o 4 de agosto.

    No Gaiás tamén se pode gozar da experiencia do Galiverso, que permite realizar visitas a outros museos, nunha experiencia inmersiva

  7. 08

    Deuses e heroes do barroco veneciano (Fundación Barrié. A Coruña)

    Na Fundación Barrié da Coruña está ata o 14 de xullo Deuses e heroes do barroco veneciano, unha viaxe de descuberta da mitoloxía, os heroes e os deuses protagonizaron as narrativas de artistas como Tintoretto, Luca Giordano ou Sebastiano Ricci.

  8. 11

    Helmut Newton. Fact&Fiction (Fundación MOP. Porto da Coruña)

    No Porto da Coruña aínda se pode ver ata o 1 de maio a exposición Helmut Newton. Fact&Fiction, na que a Fundación Marta Ortega recolleu o legado dun dos fotógrafos máis recoñecidos internacionalmente

  9. 12

    Queridos obxectos: nostalxia e sedución (Museo Liste. Vigo)

    En Vigo o Museo Etnográfico Liste amosa ata o 31 de decembro a exposición Queridos obxectos: nostalxia e sedución, que afonda nos souvenirs como "un valioso instrumento de análise do ser humano e da sociedade na que habita"

  10. 13

    A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego (Afundación Ferrol)

    Na sede de Afundación en Ferrol pódese ver ata este sábado 20 de abril (bulide!) a exposición A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego, un proxecto de Aser Álvarez, que reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía, a súa presenza na cultura contemporánea e a sostibilidade do medio.

  11. 14

    Ourense Anos 20 (Museo Etnolóxico de Ribadavia)

    Despois de pasar polo Centro Municipal José Ángel Valente de Ourense a exposición Ourense Anos 20 chega agora ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde se poden ver ata o 30 de xuño 33 fotografías que amosan diversos aspectos da vida social, económica e cultural da cidade ourensá e da provincia durante a década dos anos vinte do século pasado.