Unha ducia de finalistas dos Premios Martín Códax
Esta semana anunciáronse os proxectos finalistas dos máis importantes galardóns da música galega, que van xa pola sexta edición. Os gañadores e gañadoras coñeceranse o vindeiro 8 de maio nunha gala que se celebrará en Pontevedra.
-
01
Oh! Ayatollah: Hoxe
A banda compostelá é finalista na categoría de Pop/Indie e hai unhas semanas vén de publicar o seu novo videoclip, un tema de novo producido por Hevi.
-
02
BALA: Omertá
As coruñesas Bala seguen crecendo. Con dous excelentes discos, Human Flesh e Lume, están xa petando nas portas do éxito internacional. Son finalistas na categoría de Rock
-
03
Ezetaerre: Matar a McCarthy
Dende A Coruña Ezetaerre publicaron xa dous LP. Aspiracións mínimas e urxentes e Pólvora e tormenta. Son finalistas en Músicas Urbanas. “Ademais de loitar na rúa, hai outras cousas moi importantes no día a día como coidarnos entre nós”, dicían nesta entrevista.
-
04
Tanxugueiras: Que non mo neguen
Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro forman Tanxugueiras, finalistas en Música tradicional e folque. "Somos tres rapazas capaces de levar adiante un proxecto tan ben ou mellor ca os homes", dicían nesta entrevista.
-
05
Xoan Curiel e a Banda do Verán: A casa do terror
Xoán Curiel e a Banda do Verán son finalistas na categoría de música infantil, con temas como este, que dá título ao Libro-Cd do mesmo nome (Galaxia)
-
06
Baiuca: Muíño
"Hai xente nova que non atopa conexión coa súa tradición e que a través da electrónica tal vez poida atopala", dicía Álex Casanova nesta entrevista. Dende entón o seu proxecto Baiuca foi colleitando éxitos e recoñecementos en todo o Estado. É finalista en electrónica
-
07
Carla Green & The Demons: I got a man
A banda de Carla Green & The Demons formouse en Compostela en 2017 e dende entón vén enchendo de soul os escenarios de toda Galicia. É finalista na categoría de blues/funk/soul.
-
08
Nao: Cultura Crítica
Os estradenses Nao suman case 14 anos de traxectoria, un tempo no que publicaron catro discos. Son finalistas na categoría de Metal. “Nao é un grupo creado para a denuncia da realidade e, sobre todo para darlle forza á xente, dicían nesta entrevista.
-
09
A banda da Loba: Tres Segundos
Formado por Andrea e Marcela Porto, Inés Mirás, Estela Rodríguez e Xiana Lastra, o grupo publicou o pasado ano o Bailando as rúas, o seu primeiro disco. “É tempo de empoderarse, de facer o que nos pete, de camiñar soas se queremos”, dicían nesta entrevista
-
10
Músculo: What We Left Behind
Orixinarios de Valga, Músculo levan dende o 2010 mesturando electrónica con rock, kraut e noise, un cóctel co que publicaron varios EP e en 2018 o seu primeiro disco longo, ao que pertence este tema.
-
11
Familia Caamagno: Castromil
Procedentes de Oroso, Familia Caamagno son finalistas na categoría de rock. Veñen de publicar o videoclip de "Castromil", dirixido por Xaime Miranda, unha canción incluída no disco Había que intentalo
-
12
MJ Pérez: O Fío do que Pendo
"O Fío do que Pendo" é un dos temas que recolle o disco Casandra, o terceiro de MJ Pérez