Marcos Pérez Pena

Unha ducia de mamíferos mariños que viven ou pasan polas augas galegas

Nas últimas semanas falouse moito das repetidas interaccións de candorcas con varias embarcacións nas costas galegas, un comportamento que expertos e expertas cualifican de insólito. Con todo, o paso de candorcas polo noso litoral si é habitual, o mesmo que o doutros moitos mamíferos mariños e outros animais de gran tamaño, mesmo da gran balea azul. Unha mostra da riqueza do noso mar. Repasamos aquí unha ducia destas especies.

  1. 01

    Toniña

    A toniña común (Phocoena phocoena), tamén coñecida como touliña ou marsopa é unha veciña habitual das costas galegas, pero dende CEMMA alertas de que as mortes provocadas pola pesca accidental están empurrando esta especie á desaparición das nosas augas.

  2. 02

    Golfiño común

    O golfiño común (Delphinus delphis) ou delfín común é o delfínido máis pequeno dos que frecuentan as costas galegas. CEMMA calcula que a poboación de golfiño común en Galicia se move entre os 7.400 e os 9.500 exemplares, pero cada ano son moitos os que resultan vítimas da pesca accidental ou acaban varados. Dende a súa creación a CEMMA rescatou máis de 3.000 destes animais no noso país.

  3. 03

    Caldeirón

    O caldeirón (Globicephala melas) é tamén habitual en Galicia, aínda que non necesariamente habita as augas preto da costa. Son animais moi sociables e familiares, vivindo en grupos amplos nos que hai unha líder, que adoita ser a femia máis vella do grupo. A súa cor é gris escura ou negra, pero teñen unha mancha branca que ten forma de W. Son relativamente frecuentes os varamentos na Costa da Morte e na costa da Mariña.

  4. 04

    Rorcual común

    O rorcual común (Balaenoptera physalus) ou balea común é o segundo animal máis grande existente no planeta, só por detrás da balea azul, con 25 metros de longo e ao redor de 70 toneladas. A súa presenza é moi habitual en Galicia, o mesmo que a de rorcuais de ás brancas, de rorcuais boreais ou de xibardos, confirmando o noso país como un lugar privilexiado para a súa alimentación.

  5. 05

    Xibardo

    O xibardo ou balea xibardo (Megaptera novaeangliae) miden ao redor de 16 metros de longo e teñen un peso de 40 toneladas. A especie, tamén vista con moita frecuencia en Galicia, está protexida dende 1967.

  6. 06

    Candorca

    As famosas candorcas (Orcinus orca) son o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos  e son unha especie depredadora que vive en grupos de distinto tamaño. Adoitan pasar polas costas galegas nos seus movementos migratorios. En ocasións foron chamadas "baleas asasinas", aínda que nin son baleas nin son asasinas.

  7. 07

    Arroaz

    O arroaz (Tursiops truncatus) é o golfiño máis coñecido, xa que é o que máis adoita achegarse á costa e adentrarse nas rías galegas. É por isto que forma parte do imaxinario e na fraseoloxía popular, sobre todo nas localidades mariñeiras, figurando tamén en escritos de José Cornide ou do Padre Sarmiento. Ao igual que outras especies, tamén é frecuente a súa morte por pesca accidental.

  8. 08

    Lobo Mariño

    Moi diferentes do cetáceos, os lobos mariños tamén poden ser vistos de cando en cando en Galicia, aparecendo varados nalgunhas ocasións nas nosas costas. CEMMA encargouse de salvar a algúns deles e devolvelos ao seu medio natural. Por desgraza, noutras ocasións esta intervención non ten éxito

  9. 09

    Tartaruga de Coiro

    Vale, xa sabemos que a tartaruga non é un mamífero, pero estes animais tamén habitan as augas galegas. CEMMA ocúpase do seu estudo dende o seu inicio. Entre elas está a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), e tamén a Tartaruga mariña común ou a Tartaruga mariña verde.

  10. 10

    Quenlla

    A quenlla (Prionace glauca), ao igual que outras especies de tiburóns que habitan as costas galegas, tampouo é un mamífero. Normalmente caza en parella ou en grupos pequenos para axudar a dispersar os cardumes.

  11. 11

    Cachalote

    O cachalote (Physeter macrocephalus) é o máis grande dos cetáceos con dentes, roldando as 30 ou 40 toneladas. Pode verse ocasionalmente nas costas galegas, nos últimos anos con máis frecuencia, grazas á moratoria á súa caza, introducida en 1981. CEMMA declarou o 2020 como o Ano do Cachalote. Tamén se puido ver en moitas ocasións a cachalotes varados no litoral do noso país.

  12. 12

    Balea azul

    No verán do ano 2017 puidemos ver varias baleas azuis (Balaenoptera musculus) ou rorcuais azuis en Galicia, un incremento dos avistamentos deste animal (ata hai unhas décadas moi habitual) que expertos interpretaron que obedecía aos efectos do abandono da súa caza dende os anos 80. É o maior animal que existe na Terra, chegando a medir máis de 25 metros.