Praza Pública

Unha ducia de vestixios da ditadura franquista en Galicia

O cadáver de Francisco Franco saíu do Valle de los Caídos. Porén, son aínda moitos os elementos físicos e simbólicos que honrar a representantes da ditadura e ao propio Golpe de Estado de xullo de 1936, incumprindo a Lei de Memoria Histórica en moitos casos. Tamén en Galicia. A pesar dos avances que houbo nos últimos anos, coa eliminación de distintos elementos en Lugo, A Coruña ou Cangas, e da retirada de honras (no rueiro e nas institucións), son aínda moitos os vestixios restantes do Franquismo

  1. 01

    Cruz do Castro

    A Cruz do Castro, iniciativa da Falange, foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista. Nos últimos anos numerosos colectivos sociais mobilizáronse para esixir a súa demolición, que mesmo chegou a ser esixida por unha sentenza xudicial en 2014. Porén, o TSXG e o Tribunal Constitucional avalaron despois a súa continuidade.

  2. 02

    Delegación da Axencia Tributaria en Lugo

    Moitos edificios institucionais manteñen nas súas fachadas vestixios físicos da ditadura. Un exemplo é o escudo franquista que aínda se pode ver na fachada da delegación da Axencia Tributaria en Lugo, na rúa da Raíña.

  3. 03

    Casa natal de Franco, en Ferrol

    Un dos elementos simbólicos do Franquismo máis visibles atopámolo en Ferrol, na casa natal do ditador, na rúa María. Na súa fachada dúas placas lembran a identidade do personaxe que naceu naquela vivenda e son numerosos os turistas que se achegan para levar unha foto de recordo.

  4. 04

    Arsenal de Ferrol

    En 1981 o pleno do Concello de Ferrol aprobaba o cambio de denominación de 61 rúas e prazas da cidade, eliminando todas aquelas que facían referencia a persoeiros relacionados coa ditadura. A decisión non gustou na cúpula militar, chea de nostálxicos da ditadura, que acordou bautizar dez rúas interiores do Arsenal da cidade, instalacións sobre as que o Concello non tiña competencia, dándolles os nomes doutros tantos heroes militares ou líderes do réxime. Hai uns meses un grupo de militares reclama a eliminación dos nomes franquistas das rúas interiores do Arsenal.

  5. 05

    Instituto Santa Irene, Vigo

    Un escudo franquista preside a fachada deste instituto vigués dende 1946. Hai dúas semanas a Consellería de Educación comprometeuse a retiralo aproveitando unhas obras que se van realizar no edificio. Dará resposta así ás reivindicacións que dende hai anos veñen realizando distintos colectivos e forzas políticas, que esixían a supresión dese símbolo.

  6. 07

    Igrexa de Santa Eulalia, en Vilagarcía

    A Igrexa de Santa Eulalia, en Vilagarcía segue sendo presidida por un escudo franquista, incumprindo a Lei de Memoria Histórica. De nada serviron ata o momento as denuncias dos colectivos de memoria histórica e de forzas políticas de esquerda. O arcebispado negouse a retirala, sinalando que debe ser "a autoridade civil" quen o faga.

  7. 08

    Alfándega de Ferrol

    No antigo edificio da Alfándega de Ferrol, a carón do peirao de Curuxeiras, mantense tamén un escudo franquista, a pesar das numerosas iniciativas impulsadas por forzas de esquerda para forzar a súa retidada

  8. 09

    Pazo de Meirás

    Un dos grandes elementos relacionados coa ditadura que seguen a existir en Galicia é o Pazo de Meirás. Non tanto polos elementos físicos que contén, senón sobre todo pola memoria do paso de Franco por este espazo, polo proceso que espolio que constituíu, aínda non reparado, e pola batalla legal que para conservar a súa propiedade mantén a familia do ditador.

  9. 10

    Escudos en edificios ou fontes

    Alén dos grandes elementos materiais, aínda se poden ver en toda Galicia un número moi importante de placas en fachadas ou fontes. Xugo e frechas, escudos franquistas... que van sendo retirados moi lentamente

  10. 11

    Rueiro franquista

    Avenida General Franco, Calle Caudillo, Avenida José Antonio... Aínda que esas denominacións van sendo progresivamente eliminadas, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, aínda perviven algunhas en Abadín, Beade ou Beariz. Sobre a mesa está o debate sobre a pertinencia de manter outras denominacións que homenaxean a ministros da ditadura ou a personaxes como José Calvo Sotelo ou Primo de Rivera.

  11. 12

    Honras institucionais

    Os vestixios do Franquismo en Galicia non se atopan unicamente en elementos físicos ou no nomenclátor do rueiro. Son moitos os representantes da ditadura que manteñen honras institucionais en numerosas administracións. Aínda que nos últimos anos está a haber un proceso continuado de restitución da memoria de alcaldes asasinados, en moitos concellos militares e ministros franquistas seguen a ser "fillos adoptivos".