- Margarida Corral (CIG): "A folga xa é un éxito, fomos quen de levar o debate sobre a discriminación a todas as empresas"
- Mónica Rodríguez (UGT): "Non interesa cuantificar o traballo non remunerado que fan as mulleres"
- Mamen Sabio (CCOO): "A folga é unha oportunidade. Levamos dous meses falando destes temas nas familias, no traballo e na rúa"
- Ana Viqueira (CUT): "É un punto de inflexión no funcionamento dos sindicatos. Estamos a transformar a ferramenta da folga"
O vindeiro xoves 8 de marzo o movemento feminista convocou unha folga xeral de mulleres, á que os sindicatos deron cobertura legal, rexistrando convocatorias de 24 horas (CUT, SLG, CGT, CNT ou Intersindical -na que se integra, por exemplo, o STEG-) ou de 2 horas por quenda (entre as doce da noite e ás 2 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas) por parte dos tres sindicatos maioritarios en Galicia, UGT, CCOO e CIG. Unha folga internacional e pioneira, que busca denunciar as discriminacións e desigualdades que sofren a mulleres en distintos ámbitos da vida, dende o laboral ao consumo, pasando polos traballos de coidados, un peso que queda reservado a elas.
Algunhas das centrais sindicais convocaron concentracións pola súa conta para a mañá do xoves, pero todas fixeron un chamamento a participar pola tarde nas mobilizacións unitarias convocadas polas plataformas feministas. De igual xeitos todas as entidades apoian a manifestación convocada este domingo en Vigo.
Lembran a "dupla ou tripla" xornada laboral que unha boa parte das mulleres deben encadear: o traballo remunerado e o traballo non remunerado, de coidados
Hai moitas razóns que xustifican a convocatoria da folga, pero os sindicatos destacan especialmente a fenda salarial, a maior precariedade que sofren as mulleres, as dificultades para a conciliación da vida laboral coa familiar (que sofren sobre todo as mulleres) e as situacións de acoso sexual e agresións machistas nos espazos de traballo. Tamén chaman a atención sobre as situacións particularmente difíciles que deben atravesar as traballadoras de ámbitos especialmente feminizados, coma as empregadas do fogar ou dos servizos de limpeza. E lembran a "dupla ou tripla" xornada laboral que unha boa parte das mulleres deben encadear: o traballo remunerado e o traballo non remunerado, de coidados. "Non interesa cuantificar o traballo non remunerado que fan as mulleres, moitos millóns de euros que están a perder. Teríamos que falar de que as mulleres están a suplir moitos servizos básicos que tería que dar o Estado", afirma Mónica Rodríguez (UGT).
Fan fincapé no proceso de "visibilización" e debate social que xa se está dando ao redor de moitos dos temas denunciados
Subliñan que esta se trata dunha folga "distinta", que non se pode medir cos parámetros doutras. E fan fincapé no proceso de "visibilización" e debate social que xa se está dando ao redor de moitos dos temas denunciados. "A propia convocatoria serve para ser conscientes de que mudar esta realidade depende de nós, e de que se pode deixar de conmemorar o 8 de marzo como unha data festiva e lúdica (que tamén pode selo), pois é unha data de combate", sinala Margarida Corral (CIG). "É unha oportunidade para que toda a sociedade reflexione", concorda Mamen Sabio (CC.OO.). Todas falan, ademais, de que pode supor un "punto de inflexión" na sociedade e tamén nos propios sindicatos. "Estamos a transformar a propia ferramenta da folga", opina Ana Viqueira (CUT).
E todos os sindicatos responden ás críticas lanzadas por PP e Ciudadanos contra a convocatoria da folga. Se hai uns días Miguel Tellado (PP) cualificaba o paro de "elitista" e outras voces do descualificaban como "politizado" ou "ideolóxico", Ana Viqueira (CUT) sinala que "se critican seguramente quere dicir que o estamos facendo ben" e engade que "todos estes intentos por torpedear a folga, creo que tamén amosan que isto non é só unha cuestión festiva e simbólica, senón que realmente ten un poder efectivo e un impacto social".
Todos os sindicatos responden ás críticas lanzadas por PP e Ciudadanos contra a convocatoria da folga
"Non é ideolóxico recortar os dereitos de conciliación ou conxelar as pensións? Iso tamén é ideoloxía. Os gobernos do PP levan moitos anos recortando os dereitos das mulleres", di pola súa banda Margarida Corral (CIG). E de igual xeito Mónica Rodríguez (UGT) conclúe: "As políticas aplicadas nos últimos anos, modificacións lexislativas e recortes orzamentarios provocaron retrocesos. É o momento de dar un golpe na mesa e dicir 'ata aquí'". "É unha cuestión económica: non interesa que se falen destes temas. Xa dixo Rajoy 'No nos metamos en eso', pois nós si que nos metemos niso", engade Mamen Sabio (CC.OO.).