Alcoa, entre a chantaxe da paralización e as facilidades da reforma laboral para pechar as fábricas

Mobilización dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Advírteo o persoal a cada pouco. Non se fía de Alcoa, denuncia o seu modus operandi nas negociacións abertas no conflito e advírtelle ás administracións de que só trata de “enganalas” para abaratar o peche das súas plantas da Coruña e de Avilés. O Goberno central, nas últimas conversas coa empresa, pediulle “vontade e responsabilidade” para buscar unha alternativa ao feche, que paralizase o ERE e que dese un prazo de seis meses máis para procurar solución ante a ameaza do vindeiro 15 de xaneiro, data na que remataría o prazo de negociación de expediente e na que poderían comezar os despedimentos duns 700 traballadores, case 400 deles en Galicia. 

A resposta da empresa cinguiuse a ofrecer parar de xeito ordenado as series de electrólise –método producido por elevadas correntes para virar a alumina en aluminio– das fábricas durante un tempo e “coa cooperación dos traballadores”, de modo que as plantas quedasen en condicións óptimas para que poidan arrancarse de novo de confirmarse a chegada dun investidor. Sería, en definitiva, aceptar unha das peticións que lle fixo o Goberno central: a de manter operativa a planta cun apagado que non sexa de golpe nin total. Do contrario, a posibilidade de que alguén retome a actividade é nula. 

O apagado total suporía que as cubas se solidificasen, quedasen inutilizadas e que a reactivación da factoría fose inviable

É un aspecto do que levan advertindo os traballadores tempo. Nestas factorías de aluminio, se as cubas deixan de ter enerxía, solidifícanse e quedan totalmente inutilizadas. Sería unha xustificación do peche perfecta para Alcoa porque o custo de reiniciar a produción é elevadísimo e nada rendible. Non lle compensaría a ningunha empresa, nin á actual nin á que viñera comprar. Sería o final. 

Un operario de Alcoa, durante unha manifestación Dominio Público Concello da Coruña

Manter esta situación de operatividade mínima pero necesaria requiriría do acordo cos traballadores, fartos de promesas incumpridas e sabedores de que non todos eles serían necesarios para ese labor. Porque Alcoa abriu esa posibilidade para non botar xa o fecho definitivo, pero nada dixo de paralizar o ERE e manter a actividade normal. 

Alcoa non ofrece a paralización do ERE e o persoal insiste na intervención a través da SEPI

“Non podemos parar a actividade baixo ningún concepto; no momento no que se pare parcialmente ou por zonas, ese é o inicio do peche”, advertiu Miguel Conde, representante dos traballadores da planta coruñesa, en Radio Coruña. O persoal, entre ofertas, propostas e parches que non os convencen, insiste en pedir a intervención temporal ou tutela das plantas por parte da SEPI para asegurar o tempo necesario para buscar un comprador e ir artellando un marco estable enerxético para a industria electrointensiva. E como desde o inicio, insisten en que Alcoa só quere o mercado español, nin moito menos un competidor: producir en Arabia Saudita ou Noruega e seguir vendendo na península. 

Pero o Executivo central non quere nin oír falar de intervir a fábrica. “Non estamos nun réxime comunista”, dixera a ministra de Traballo, Magdalena Valerio. A súa compañeira de Industria, Reyes Maroto, anunciou este mércores ultimátum á empresa do que non se coñecen detalles. Con todo, malia que Unidos Podemos e En Marea anunciaron que non apoiarán o Goberno de non impedirse o peche das fábricas, este non semella disposto a pasar das ameazas. 

Tampouco pode paralizar o ERE, como recoñece que lle tería gustado. Este mesmo mércores lembrouno o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que asegurou que o Executivo de Pedro Sánchez quería facelo pero que se atopou cunha reforma laboral vixente, a impulsada polo PP, que lles impediu “actuar como nos gustaría neste conflito”

O Executivo central culpa a reforma laboral do PP de non poder paralizar o ERE ao non requirirse agora para aplicalo o visto e prace da autoridade laboral

As múltiples deslocalizacións de empresas coa chegada da crise e até a actualidade foron facilitadas polas mudanzas lexislativas que introduciu o Goberno de Mariano Rajoy en 2012. Ata daquela, para que unha empresa aprobase un expediente de regulación de emprego (ERE) debía ter a autorización da autoridade laboral competente, autonómica ou estatal. De non haber acordo entre as partes, era moi estraño que se permitise o despedimento colectivo, un trámite que o Executivo socialista de Zapatero xa facilitara pero para o que Rajoy eliminou calquera tutela xudicial. Desde entón, a compañía pode aplicalo sen contar co visto e prace da devandita autoridade laboral e non precisa probar que ten perdas senón demostrar diminución de ingresos durante tres meses consecutivos. Ademais, cunha indemnización por despedimento inferior á que había antes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.