A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar a Caixabank a devolver as cantidades que cobrou por distintos conceptos a un home que só quería contratar coa entidade unha conta social básica, sen comisións, na que poder ingresar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga). Un problema, o de entidades bancarias que cobran comisións a persoas vulnerables que só precisan unha conta social básica gratuíta, que vén sendo detectado e denunciado de xeito reiterado desde hai anos pola Valedora do Pobo.
A Audiencia de Pontevedra condena a Caixabank por cobrar comisións a un home que só precisaba unha conta social básica sen custo para ingresar a renda de inclusión, un problema que a Valedora do Pobo vén detectando de xeito reiterado en varias entidades
As entidades bancarias están obrigadas desde 2017 a "ofrecer" unha "conta de pago básica" ou conta social básica a persoas vulnerables ou en risco de exclusión financeira. Son contas sen comisións que non poden obrigar a contratar ningún produto extra e que mesmo permiten realizar operacións mediante unha tarxeta de débito ou prepagamento cun límite de ata 120 movementos ao ano, ou dez movementos ao mes.
Iso foi o que, segundo a sentenza agora feita pública, solicitou un home a Caixabank para poder ingresar a Risga. Porén, a entidade fíxolle contratar outro produto con comisións que o home, segundo asegurou no proceso xudicial, aceptou sen saber que tiña tales comisións. A entidade bancaria argumentou que o home sabía o que estaba asinando, pero a Audiencia de Pontevedra dálle a razón ao afectado
A sentenza salienta a "falta de calquera proba que acredite que se entregou ao demandante o documento contractual que contén as cláusulas e condicións xerais que rexen o mesmo", o que leva ao tribunal a "estimar acreditada a falta de entrega do documento" xa que "a carga da proba sobre esta entrega corresponde ao profesional". A sentenza salienta que a lei establece que non poderá considerarse ao consumidor afectado por condicións das que non fose informado expresamente entregándolle un exemplar das mesmas. Así que o tribunal condena a Caixabank a devolver ao afectado diversas comisións que lle cobrou indebidamente.
A Valedora vén advertindo desde hai anos que "algúns bancos non dan efectividade ao dereito e cobran comisións ás persoas en situación de vulnerabilidade"
Feitos como este veñen sendo denunciados de xeito recorrente pola Valedora do Pobo. No seu último informe anual, feito público en novembro, a Valedora lembrou que "a conta básica e gratuíta é un dereito das persoas que cobran prestacións de inclusión social, como a Risga, o IMV ou as pensións non contributivas, cuxa constancia debera ser suficiente para a gratuidade da conta". "Pero algúns bancos non dan efectividade ao dereito e cobran comisións ás persoas en situación de vulnerabilidade", engade a Valedora, que sinala que "as situacións adoitan solucionarse coas queixas, pero as entidades deberan evitar que se dean reclamacións por este motivo".
Algo similar reclamaba no seu informe anterior, incidindo en que "as entidades de crédito deberan ser especialmente dilixentes para evitar o agravamento da vulnerabilidade". E no informe de hai dous anos mesmo deixaba constancia de que promovera "actuacións de oficio dirixidas aos bancos con máis grao de implantación tras unha entrevista coas entidades de defensa dos dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade, que sinalaban que estas persoas sofren problemas recorrentes como a denegación de contas básicas e o cobro de comisións".
Hai dous anos a Valedora salientou o caso dunha persoa á que o banco non quería facerlle unha conta básica sen custo porque xa tiña outra malia "a evidencia de que o que se reclamaba era a substitución da anterior conta ordinaria (con gastos) por outra básica (sen gastos)"
Aquel ano a Valedora mesmo deu conta dun caso no que "para ter a conta básica o cliente non debía ter outra conta aberta, e como xa tiña unha anterior na mesma entidade, esta rexeitaba o acceso a conta básica". "Foi preciso insistir na evidencia de que o que se reclamaba era a substitución da anterior conta ordinaria (con gastos) por outra básica (sen gastos) debido a que concorría a situación de vulnerabilidade, polo que se esta se acreditaba o banco debía pechar a anterior conta e abrir a nova de carácter básico", relatou a Valedora.
En xeral, nos seus sucesivos informes anuais a Valedora vén salientando que os bancos "non son simples negocios privados" senón "servizos públicos esenciais" sen os que "a cidadanía non pode realizar as máis elementais tarefas da súa vida cotiá".