A pasteira gaña no terceiro trimestre 20 millóns máis que hai un ano e acumula ata setembro 67 millóns en beneficios
Durante a maior parte do terceiro trimestre do ano, a fábrica de Ence á beira da ría de Pontevedra estivo parada. A efectos prácticos, pechada. Foi, concretamente, o 20 de xullo cando a pasteira se viu abocada á "suspensión temporal da actividade" pola "baixada do caudal do río Lérez, do que se abastece a planta, por baixo do seu nivel". Así o resume na información aos seus accionistas e aos mercados financeiros que vén de depositar na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
A compañía inclúe eses detalles dentro da súa presentación de resultados do mesmo período, de xullo a setembro. Neses tres meses, máis de dous deles sen actividade en Lourizán, anotou 22,3 millóns de euros de beneficios, un incremento superior aos 20 millóns de euros a respecto do mesmo período do ano anterior.
Isto provoca que as ganancias acumuladas por Ence setembro se disparen ata os 67 millóns de euros despois de impostos. Segundo ratifica esta documentación,á mesma altura de 2021 cuantificaba uns 190 millóns en negativo pola reserva de fondos para un eventual desmantelamento da fábrica en caso de que o Tribunal Supremo manteña a anulación da prórroga que en 2016 lle concedeu o goberno de Rajoy en funcións para quedar nos terreos públicos de Lourizán ata 2073.
Ence sinala que "a suba dos prezos da celulosa e a mellora do tipo de cambio" continuaron nestes últimos meses "impulsando" as marxes do seu negocio, "mitigando o efecto da suspensión da actividade en Pontevedra" e mesmo "compensando a inflación xeneralizada". Todo, vendendo un 10,7% menos de celulosa que nos nove primeiros meses do ano pasado, pero un 35% máis cara.
Previsión de reactivación en novembro e futuro nas Pontes
Cun negocio cada vez máis orientado á produción de enerxía a través da súa filial Magnon (a antiga Ence Energí, as contas de Ence non translocen especial preocupación pola situación en Pontevedra. Mentres segue a agardar pola resolución do Supremo -"é previsbile que a sentenza se publique durante os próximos meses", limítase a sinalar tras o adiamento do ditame inicialmente previsto para este mes de outubro-, di estimar que poderá "iniciar o proceso de arranque en torno á segunda semana de novembro".
Ence tamén menciona os seus plans para instalar nas Pontes unha factoría de "produción de fibra recuperada e biomateriais" e sitúa a "primeira fase" do proxecto en 2026
Aínda que a situación de seca continúa, a pasteira indica que "desenvolveu unha innovadora solución para utilizar en situacións de seca" que lle permitirá "rexenerar" augas residuais para "minimizar o consumo de auga do río" cando descenda o caudal do Lérez. "O proceso de arranque", engade, "farase de maneira progresiva" e " unha vez obtidos os permisos necesarios" e reamtados "os traballos de mantemento e reparación da infraestrutura". Conta con volver producir con "normalidade" en decembro.
Nesa presentación de resultados, Ence tamén menciona os seus plans para instalar nas Pontes unha factoría de "produción de fibra recuperada e biomateriais" coa que "aspira a entrar no sector de recuperación de papel". Ese proxecto, resalta, foi anunciado da man da Xunta e o seu estudo estase "iniciando" coa vista posta en 2026 para a súa "primeira fase". "As fases adicionais decidiranse no futuro", engade.