Feijóo acusa a BNG e PSdeG da crise industrial en Galicia

Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento, deste 12 de maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente atribúe aos nacionalistas a oposición social aos parques eólicos e aos socialistas o peche da térmica das Pontes

“Cada vez que queremos poñer un parque eólico hai unha plataforma en contra liderada polo BNG”. “Vostede señor Caballero é o máximo responsable dese partido que pecha As Pontes”. Con esas frases e outras moitas similares acusou este mércores o presidente Feijóo aos líderes da oposición no Parlamento de Galicia, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, de ser responsables da crise industrial do país. Foi nunha sesión de control na que argumentou en descargo do seu goberno que a Xunta non pode fabricar roupa ou coches senón que o teñen que facer empresas privadas. 

Ana Pontón diríxese a Feijóo durante a sesión de control deste 12 de maio de 2021 CC-BY-NC-SA BNG

Pontón salientou que hai “unha desertización industrial que é anterior á pandemia” e criticou que Feijóo "non é un bo gobernante, só é un bo propagandista”

Tanto Pontón como Caballero centraron as súas preguntas deste mércores na crise industrial e na perda de postos de traballo en Galicia. A nacionalista salientou que hai “unha desertización industrial que é anterior á pandemia”, lembrou o “fiasco de Pemex” como gran aposta do Goberno galego hai unha década para reactivar a industria galega e puxo en dúbida a agora anunciada aposta da Xunta por un “pacto de Estado por Ferrol”. Por que non un pacto similar pola Mariña, pola Coruña, por Vigo, preguntouse, para reclamar que “xa postos o ideal sería un pacto de Estado por Galiza, polo seu sector industrial”. “Vostede non é un bo gobernante, só é un bo propagandista”, sentenciou Pontón.

Caballero pediu a Feijóo que actúe fronte a perda de postos de traballo e a resposta do presidente foi acusalo de que "o seu único obxectivo é crear unha crise industrial"

Pola súa banda Caballero puxo o foco na perda de postos de traballo que veñen reflectindo diversos indicadores. “Gustaríame ser o máximo responsable do que está ocorrendo na economía galega, pero o máximo responsable é vostede”, dixo, para pedir que a Xunta mobilice os fondos extraordinarios xa incorporados aos orzamentos galegos para este ano procedentes do Estado e da UE que cuantificou en 1.200 millóns de euros.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, durante a sesión de control deste 12 de maio © Parlamento de Galicia

A resposta de Feijóo foi acusar ao BNG de ser o responsable da contestación social aos parques eólicos, de non querer carga de traballo para Navantia por rexeitar que constrúa buques militares ou de querer anular a concesión de Ence en Pontevedra. Unha resposta na que insinuou que os nacionalistas preferirían unha economía dirixida por completo pola administración.

A Caballero chegou a dicirlle que “o seu único obxectivo é crear unha crise industrial” e acusouno “desde a máxima cordialidade” de “facer un ridículo espantoso”. Ao socialista situouno como “máximo responsable dese partido que pecha As Pontes” ou de “clausurar Ence”, empresa que segue a operar con normalidade á espera de que a Audiencia Nacional se pronuncie sobre a legalidade da súa concesión en Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.