Nove concellos afectados pola couza poden volver plantar pataca, cuxa produción sobe tras catro anos

A couza da pataca mantén o veto ás plantacións en 17 concellos CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta levantará a prohibición de plantar pataca en nove concellos das provincias da Coruña e Lugo afectados pola couza guatemalteca. A medida, que foi acordada este xoves na comisión de seguimento desta praga, será efectiva unha vez saia publicada no DOG e deixa en 17 os municipios que aínda están afectados por vetos á plantación do tubérculo. 

A Xunta levanta a prohibición de plantar patacas en Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro

O levantamento da prohibición de plantar pataca beneficia desta vez os agricultores dos concellos de Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro. Son municipios que non rexistraron ningunha captura nos dous últimos anos, polo que deixan de ser consideradas zonas infestadas pola couza e pasarán a englobarse na demarcada como zona tampón.

Así, e segundo informa a Xunta, nestes municipios permitirase plantar pataca pero farase un "seguimento exhaustivo das plantacións por parte da Consellería do Medio Rural", que manterá as demais medidas de control e vixilancia previstas na lexislación co obxectivo último de controlar a expansión da couza. 

En 15 concellos da Coruña e Lugo, ademais de nalgunhas parroquias da Laracha e Carballo, mantense o veto á plantación de pataca

A comezos desde 2020 xa se levantara a prohibición de plantar pataca nos concellos coruñeses de Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes, así como nos lucenses de Ourol e Abadín. En todos eles, confirmouse a ausencia de capturas de couza guatemalteca no que vai de 2020, pero mantívose igualmente o control das plantacións.

Tendo en conta a eliminación do veto á plantación de patacas establecida este xoves para estes novos concellos, e reparando nos que se mantiñan na listaxe en xaneiro, son 15 os que aínda manteñen a prohibición (Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño, Valdoviño, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, O Vicedo, Trabada, Viveiro e Xove), ademais dalgunha parroquia nos municipios de Laracha e Carballo.

A couza da pataca (Tecia solanivora) chegou a Galicia no ano 2015 (nos concellos de Ferrol, Narón e Neda). De Ferrolterra estendeuse un ano despois polo Ortegal e a Mariña lucense e a comezos do ano 2017 afectaba xa a 31 concellos do norte das provincias de Lugo e A Coruña, entre críticas ás administracións pola inacción amosada ata ese momento. En marzo dese ano o Ministerio de Agricultura obrigou a destruír os cultivos nesas zonas afectadas, impoñendo controis no almacenamento e transporte dos produtos para evitar o contaxio a outras comarcas.

En xuño do ano 2017 a Xunta deu por "controlada" a praga na provincia da Coruña, un optimismo que nese momento foi contestado por expertos como o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez e pola propia Comisión Europea. De feito, en marzo de 2018 coñecíase que a couza superara as medidas de control da Xunta e chegara a Muxía, rexeitando o PP no Parlamento investigar as causas da expansión da praga.

A produción galega de pataca leva en constante descenso dende o ano 2009, pasando das 537.084 toneladas recollidas ese ano ás 371.983 do ano 2019. Con todo, as cifras do pasado ano (o último con datos oficiais) reflicten o primeiro repunte desde 2014, logo de descensos continuados durante os últimos cinco anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.