O Goberno de España prevé xa a primeira poxa de eólica mariña en 2025

Parque de eólica mariña en augas de Alemaña CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

O Goberno de España traballa co obxectivo de que neste 2025 se leve a cabo a primeira poxa de eólica mariña. Así o manifestou a vicepresidenta terceira do Executivo e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, que tamén anunciou a adxudicación provisional da primeira convocatoria para sete proxectos de vales de hidróxeno verde por máis de 1.200 millóns de euros, un deles en Galicia. 

Respecto á eólica mariña, e durante un almorzo informativo organizado por Europa Press, a ministra detallou que o proceso iniciarase coa publicación dunha orde coas bases e logo a resolución, co propósito de que a poxa se realice antes de que acabe 2025.  

O Goberno anuncia que prevé que a primeira poxa de eólica mariña se realice neste 2025 aos dous anos de aprobar as zonas de alto potencial eólico, cinco delas en Galicia

Nesas bases concretarase a potencia a adxudicar, as tecnoloxías a empregar e a área concreta na que se emprazará cada parque dentro das zonas de alto potencial eólico aprobadas hai un ano, cinco delas fronte ás costas de Galicia. Supón un modelo distinto ao da eólica terrestre, onde non é a administración a que fixa os lugares senón as empresas as que propoñen onde se queren instalar e despois a administración autorízaas ou non en función da avaliación ambiental dos proxectos.

Nesa orde tamén se establecerán os detalles da denominada "fase de diálogo público", onde se recollerán achegas dos interesados sobre as áreas concretas ou o deseño — co obxectivo de "incrementar a súa compatibilidade con outros usos do mar", entre eles o pesqueiro—, así como dos criterios de ponderación e mais o impacto socioeconómico da instalación. Segundo se aclaraba nesa regulación previa, o criterio económico pesará un mínimo do 70% no concurso estatal para repartir os parques eólicos mariños. 

A folla de ruta 2023-2030 marcada polo Estado prevé alcanzar ata tres GW de eólica mariña e ata 60 MW doutras frontes renovables mariñas no horizonte 2030. 

Fronte a Galicia, as zonas para instalacións de enerxía eólica mariñas son as cinco previstas inicialmente: catro entre Ferrolterra e a Mariña lucense e unha máis fronte á desembocadura do Miño. Aprobadas definitivamente hai 24 meses e con dous anos de atraso, o Goberno do Estado anuncia agora que prevé que a primeira poxa chegue xa neste 2025.

A ministra Sara Aagesen, no centro, nunha Conferencia Sectorial de Enerxía © Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

O val de hidróxeno previsto na Coruña recibirá axudas por 170 millóns de euros; o proxecto previsto nas Pontes queda sen subvención pública estatal

Por outra banda, Aagesen anunciou tamén no mesmo acto a adxudicación provisional da primeira convocatoria para sete proxectos para hidróxeno verde por 1.214 millóns de euros, un deles en Galicia. Trátase do denominado Valle del Hidrógeno na Coruña, que impulsa Ignis da man de Armonia Green Galicia e Repsol, e que contará cunha subvención de case 130 millóns. Outros 40 millóns, aproximadamente, serán para petroleira dentro do mesmo proxecto. Uns 170 millóns en total. 

O obxectivo desta iniciativa é a creación de dúas plantas: unha para producir amoníaco verde no porto exterior de Punta Lagosteira e outra para fabricar hidróxeno renovable no polígono da Agrela. Pola contra, e segundo se especifica na resolución publicada este venres polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), o proxecto ValdoEume, na área das Pontes e impulsado por H2Pole (Reganosa e EDP mais Forestal del Atlántico), queda sen financiamento por non alcanzar a puntuación mínima. 

Foron un total de 16 proxectos os presentados nunha convocatoria coa que se prevén xerar 4 GW de capacidade, un terzo do obxectivo marcado polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima. En canto ao emprego, Aagesen calcula que todas as iniciativas impulsadas no Estado implicarían uns 9.000 postos de traballo directos e 11.000 indirectos. 

En conxunto, aclarou a ministra, estas novas iniciativas sumarán 2.278 MW de potencia de electrólise e mobilizarán investimentos por arredor de 5.000 millóns de euros. Aagesen, ademais, lembra que España consome máis de 500.000 toneladas ao ano do denominado hidróxeno gris, de orixe fósil, polo que o Ministerio destaca o "enorme potencial para a descarbonización da industria" e, ao tempo "substituír outros combustibles fósiles ou outras materias primas con hidróxeno renovable". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.