O persoal de Bosch en Vigo mobilízase contra os 148 despedimentos provocados pola deslocalización de servizos

Mobilización do persoal de Bosch en Vigo, este luns © CIG

Arredor do 70% do cadro de persoal do centro de chamadas de Bosch en Vigo secundou este luns a primeira xornada de folga convocada para rexeitar o ERE de extinción presentado pola compañía e que afecta a 148 persoas

Arredor do 70% do cadro de persoal do centro de chamadas de Bosch en Vigo secundou este luns a primeira xornada de folga de 24 horas convocada polo comité de empresa para rexeitar o ERE de extinción presentado pola compañía e que afecta a 148 persoas, tras a perda do servizo de Helpdesk de Vodafone. Ao redor de 1.300 persoas traballan na oficina viguesa, polo que o ERE afecta a máis da décima parte do persoal, que dende o ano 2020 sufriu catro ERTE consecutivos e un proceso de modificación substancial que provocou a extinción de varios postos de traballo.

O presidente do comité de empresa, Xulio Paramos, da CIG, adiantou que seguirán a promover a convocatoria de mobilizacións co obxectivo de frear os 148 despedimentos. Paramos valorou moi positivamente o impacto do paro, aínda que recoñeceu as dificultades para coñecer os datos reais de seguimento tendo en conta que moitas traballadoras e traballadores exercen o seu labor dende os seus fogares. Mesmo así, un cento de empregadas e empregados levaron a cabo unha concentración diante das instalacións da empresa na rúa Barxa do Covelo.

Mobilización da CIG ante a sede de Bosch, hai uns meses © CIG

A CIG alerta de que había anos que non se producía unha deslocalización de servizos coma esta en Vigo e manifesta o seu temor de que este caso "sexa un primeiro síntoma dun repunte deslocalizador", principalmente por parte de compañías “tan voraces” como Vodafone

O sindicato culpa á empresa de "non ser capaz de manter estes empregos nin de ofrecer alternativas para non botar a xente á rúa". E, ademais, chama a atención sobre o mecanismo de deslocalización empregado por Vodafone, que busca así "maximizar beneficios a costa dos dereitos laborais", levando o servizo a terceiros países -como Portugal, Perú e Colombia- con salarios aínda máis baixos que os establecidos no convenio colectivo estatal dos centros de chamadas.

A CIG alerta de que había anos que non se producía unha deslocalización de servizos coma esta en Vigo e manifesta o seu temor de que este caso "sexa un primeiro síntoma dun repunte deslocalizador", principalmente por parte de compañías “tan voraces” como Vodafone.

A CUT denuncia que "co teletraballo é moito mais doado a redución de cadros de persoal sen oposición social e sindical"

O sindicato denuncia ademais que Bosch leva a cabo "continuos despedimentos" por baixo rendemento “nuns tempos nos que conseguir os desmesurados obxectivos de vendas é moi difícil, primeiro polas circunstancias económicas derivadas da pandemia e actualmente polo alto incremento da carestía da vida”.

Pola súa banda, a CUT sinala de que "trala pandemia instaurou o teletraballo como unha forma de vida constante para as persoas traballadoras, pechando varios centros na cidade de Vigo, reducindo deste xeito custes de alugueiris, locais, e instalacións, pero parece que esta redución de custes é insuficiente para seguir aumentando a súa marxe de beneficios". O sindicato denuncia que "co teletraballo é moito mais doado a redución de cadros de persoal sen oposición social e sindical".

Sede de Bosch © CIG

Negociación do convenio colectivo

Hai tres semanas o persoal do sector do contact center levou a cabo unha nova xornada de folga en todo o Estado, convocada por UGT e CCOO, para denunciar "a estratexia inmobilista e ralentizadora da patronal no proceso de negociación do convenio colectivo"

O sector do telemárketing segue a ser un dos máis precarizados, cun gran número de traballadoras e traballadores con contratos de curta duración, salarios reducidos e unha grande intensidade de traballo. Hai tres semanas o persoal do sector do contact center levou a cabo unha nova xornada de folga en todo o Estado, convocada por UGT e CCOO, para denunciar "a estratexia inmobilista e ralentizadora da patronal no proceso de negociación do convenio colectivo".

Os dous sindicatos advirten de que a mesa negociadora do VII convenio colectivo "xa se leva reunindo dende hai 27 meses sen avances substanciais que permitan ver un acordo próximo que satisfaga os intereses dos traballadores e traballadoras do sector". Deste xeito, as subas do IPC non se están a ver reflectidas en actualizacións salariais e, de igual xeito, tampouco se aplicaron as melloras contidas na nova reforma laboral para loitar contra a temporalidade ou a suba do salario mínimo.

Os sindicatos reclaman melloras nas condicións laborais, mais tamén apostan pola "profesionalización do sector"

O calendario de mobilizacións iniciouse o pasado mes de febreiro e dende entón houbo paros parciais en marzo e unha xornada de folga en maio. Os sindicatos reclaman melloras nas condicións laborais, mais tamén apostan pola "profesionalización do sector" e por ofrecer servizos de valor engadido ás empresas cliente, "para así afastarnos do estigma de servizos externalizados “low cost”, cos que as empresas cliente só buscan baixos custos e non calidade e profesionalidade, facendo aínda maior a perda de poder adquisitivo que xa pesa sobre o sector dende hai máis de 10 anos", sinala UGT.

Mobilización da UGT por un novo convenio colectivo do sector do telemárketing © UGT Bosch

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.