O turismo estranxeiro aumenta as noites que fai en Galicia, o 28% do total no que vai de ano

Cola para recoller a compostela no centro de recepción de peregrinos de Santiago nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

O sector hoteleiro aumentou un 4% as súas tarifas a respecto do pasado ano e un 17% sobre 2019, segundo a Xunta

A Xunta divulgou este mércores datos de ocupación hoteleira nos sete primeiros meses deste ano, cando Galicia rexistrou un incremento do 8% no número de turistas e do 6% no número de noites. E nese eido destaca o aumento das noites feitas por turistas estranxeiros, 1,4 millóns, o 28% da demanda. Como comparación, en todo o ano pasado o turismo estranxeiro fixo 2,15 millóns, o 23,6% da demanda. Uns datos que hai que contextualizar co feito de que o pasado foi ano Xacobeo e xa supuxo diversos records no eido turístico.

Turistas nunha rúa de Santiago, nunha imaxe de arquivo divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo o Goberno galego, "o incremento do nivel de demanda en relación ao pasado ano acontece nun contesxto no que o volume de oferta sobe nun 2% de media" e no que "as tarifas hoteleiras superan nun 4% en comparación co ano pasado e nun 17% a cifra de 2019", ano previo á pandemia da COVID, co que acadan "a cifra máis elevada da serie histórica".

Segundo a Xunta, as noites hoteleiras feitas no país seguen concentrándose no que vai de ano no litoral atlántico, co 80% do total, fronte ao 12% de Lugo e o 7% de Ourense. Todas as provincias agás Pontevedra bateron no que vai de ano os seus rexistros históricos de noites.

O balance turístico da Xunta chega despois de que hai uns días se coñecese o dato de que o 11% das persoas asalariadas en Galicia traballa no sector turístico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.