O Goberno galego reforma o decreto que regula o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para que poida avalar tamén a empresas foráneas “que requiran garantías financeiras ou técnicas para as súas relacións comerciais e/ou operativas con empresas galegas”
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) é o brazo financeiro do que se dotou a Xunta en 1994 para axudar á creación, crecemento ou internacionalización das empresas galegas. Para iso, entre outras medidas, pode conceder avais económicos ás empresas, garantías públicas para que estas obteñan créditos que en ocasións se perden porque a empresa fracasa, como ocorreu cun total de 62 millóns de euros na última década, preto de cen millóns se a conta se remonta á súa orixe.
Pero se ata agora eses avais se concedían só a empresas que desenvolven a súa actividade en Galicia, agora o Goberno galego quere poder avalar tamén a empresas non asentadas aquí pero que requiran garantías financeiras ou técnicas "para as súas relacións comerciais e/ou operativas con empresas galegas". Segundo explica a Xunta a Praza.gal, o seu sistema de análise do risco de crédito das operacións "non depende da localización xeográfica" da empresa solicitante.

A posibilidade de avalar empresas non asentadas en Galicia porque operen con empresas galegas é un dos varios cambios que a Xunta quere introducir no decreto que regula os avais do Igape, mudanzas que vén de someter a consulta pública previa. Segundo o Goberno galego, a "antigüidade" do decreto anterior, de 1994 e reformado por última vez en 1999, "pon de manifesto certas deficiencias nos procedementos de concesión e restricións, non acordes co sistema produtivo e financeiro actual, respecto das beneficiarias dos avais e das entidades ante as que o Igape pode avalar ou reavalar". Para iso, a Xunta di que o novo decreto deixará de regular os avais e establecerá que estes estean "amparados en programas ou bases reguladoras específicos que establezan os requisitos e características das operacións a aprobar". Isto é, dotarase de maior marxe de manobra e independencia ao Igape a respecto da normativa que lle impón a Xunta.
O novo decreto deixará de regular os avais e dará máis marxe de manobra ao Igape para fixar programas ou bases reguladoras específicas con independencia da normativa que agora dite a Xunta
Canto ás "restricións" das entidades a avalar, a Xunta di que ampliará as beneficiarias "permitindo a posibilidade de ser beneficiaria calquera empresa, independentemente da súa forma xurídica e tamaño, incluíndo expresamente asociacións e outras entidades que desenvolvan actividade económica e realicen actuacións a favor do tecido empresarial galego e empresas que non desenvolvan a actividade empresarial en Galicia, sempre que requiran garantías financeiras ou técnicas para as súas relacións comerciais e/ou operativas con empresas galegas".
A nova norma tamén ampliará as entidades ante as que o Igape pode prestar o aval, incluíndo non só as entidades de crédito ou bancos senón tamén "calquera establecemento financeiro suxeito á supervisión do Banco de España ou da Comisión Nacional do Mercado de Valores".

Os avais do Igape e o seu éxito ou fracaso veñen sendo supervisados polo Consello de Contas, o ente encargado de fiscalizar as contas públicas galegas. Segundo os seus informes, entre 2011 e o remate de 2020, último ano auditado [aquí o informe en PDF], o Igape tivo que facer fronte a unhas perdas de 61,9 millóns de euros por avais falidos, que segundo Contas supoñen "unhas perdas equivalentes ao 20% do maior risco vivo asumido". Ese risco vivo, o importe que en cada momento suman os avais concedidos aínda vixentes, era a finais de 2020 de 30,62 millóns de euros, unha cifra notablemente inferior ás de anos anteriores.
O Igape chegou a ter preto de 300 millóns de risco vivo en avais en 2011, e ao ano seguinte rexistrou as súas principais perdas, con 32 millóns desaparecidos só en avais á quebrada Alfageme
Foi a comezos da pasada década, coa crise financeira, cando máis avais do Igape resultaron falidos. Como comparación, en todo o período de 1994 a 2009 os avais falidos do Igape sumaron 28,3 millóns de euros. Pero só en 2012, no momento álxido da crise, perdéronse preto de 40 millóns de euros, 32 millóns só en avais falidos concedidos polo Igape á quebrada conserveira viguesa Alfageme.
As perdas foron moderándose en anos seguintes, cuns 10 millóns perdidos en 2013 e contías inferiores nos anos seguintes. Esa redución das perdas ten correlación coa redución do risco vivo en avais, que se achegou aos 300 millóns en 2011 e que foi baixando progresivamente ata os arredor de 30 millóns rexistrados tanto en 2019 como en 2020, último ano auditado polo Consello de Contas.
Este diario preguntou á vicepresidencia económica da Xunta, da que depende o Igape, se a mudanza para que poida avalar empresas foráneas vén atender algún problema concreto detectado ata agora, como algunha empresa galega que se vise dificultada pola situación anterior. O Goberno galego non contesta a esa pregunta e limítase a poñer o exemplo de "que unha empresa de fóra de Galicia precise un aval técnico ou financeiro para pechar unha operación comercial (unha compra) cunha empresa galega, favorecendo así a operación de venda".
Ante a pregunta de se pode haber máis risco de avais falidos coa nova normativa ao seren as destinatarias empresas non asentadas en Galicia, a resposta da Xunta é que "o Igape aplica uns criterios preestablecidos na análise do risco de crédito das operacións que non depende da localización xeográfica da solicitante". O Goberno galego tamén engade que a dotación orzamentaria para avais directos do Igape non se vai ver incrementada polas novas mudanzas.