O tribunal permitiu ata o momento a continuidade de tres proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por organizacións ecoloxistas
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este luns varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos logo de adaptar os seus criterios sobre ese tipo de medidas temporais ao establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza do pasado decembro na que validou a tramitación dos proxectos que estaba a facer a Xunta. Cos novos autos agora coñecidos xa son 49 os proxectos suspendidos de xeito cautelar polo seu posible risco ambiental á espera de que o tribunal analice o fondo da cuestión e se as súas autorizacións cumpriron coa legalidade.
Os 49 parques paralizados ata o momento están distribuídos por toda Galicia, nun total de 64 concellos, varios dos cales albergarían varias desas instalacións.
Fronte aos 49 parques suspendidos cautelarmente, o TSXG permitiu ata o momento a continuidade de tres proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por organizacións ecoloxistas.
Ademais de adaptar os seus criterios para decidir sobre as peticións de suspensión cautelar de proxectos, o TSXG vén de preguntar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.