A balea azul regresa para alimentarse en augas de Galicia. O instituto BDRI, con sede no Grove, confirma o primeiro avistamento dun exemplar neste 2019, duns 22 metros de longo, na contorna das Cíes. Recólleo GCiencia.
Fálase
Pedro Sánchez dá por "rotas" as negociacións con Unidas Podemos para a investidura tras a convocatoria da consulta á militancia de Podemos sobre os posibles pactos. Pablo Iglesias "está encastelado nunha posición maximalista", afirma o presidente do Goberno de España en funcións e candidato á reelección polo PSOE nunha entrevista na SER, na que di esperar que UP vote "non".(Imaxe: PSOE)
Abel Caballero confirma que non acudirá á xuntanza con Feijóo dentro da rolda de encontros do presidente da Xunta coas alcaldías urbanas: "Xa estiven hai catro anos e foi un inmenso engano", afirmou o alcalde de Vigo nunha entrevista na SER.
Unha folga de CCOO en Renfe fará que este luns non circulen por Galicia máis de 60 trens, a metade de media distancia e o resto repartidos entre longa distancia e Feve.
Unhas duascentas persoas participan no primeiro plenario de En Marea tras a ruptura do grupo parlamentario coa vista posta nas eleccións internas para renovar a súa dirección, que se celebrarán o 31 de xullo.
Activada a alerta laranxa por tormentas en Lugo e Ourense, que poden ir acompañadas por saraibas e refachos moi fortes de vento. A Axencia Estatal de Meteoroloxía ten activada a alerta na súa web e a Xunta vén de emitir un comunicado pedindo precaución nas zonas afectadas.
Feijóo desvela que entregará a Medalla de Ouro de Galicia deste ano aos ex-presidentes de Asturias e Castela e León Javier Fernández e Juan Vicente Herrera. Na pasada edición foron os presidentes do Tribunal Constitucional os receptores duns galardóns que levan anos escorados á dereita.
A OCDE pide a España abaratar os despedimentos e subir impostos aos combustibles. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico reclama tamén reducir as diferenzas de regulacións entre comunidades.
O persoal mobilizado da CRTVG cumpre 60 semanas reclamando uns medios públicos "independentes, rigorosos, plurais, creativos e para todo". Defende A Galega volve celebra hoxe o #VenresNegro60CRTVG
Torra será xulgado por non retirar os lazos amarelos durante a campaña das xerais. O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya envía a xuízo ao president catalán por desobedecer a orde da Xunta Electoral de quitar os símbolos soberanistas durante a campaña.