Morre aos 85 anos Philip Roth, eterno candidato ao Nobel, gañador do Pulitzer en 1998 por American Pastoral e do Príncipe de Asturias das Letras en 2012. Foi un dos máis importantes autores estadounidenses da segunda metade do século XX. Entre as súas obras máis coñecidas figura tamén O lamento de Portnoy.
Fálase
A xustiza alemá volve rexeitar o delito de rebelión para Carles Puigdemont. O tribunal de Schleswig-Holstein rexeita o encarceramento do ex-presidente catalán, pedido pola Fiscalía, e avaliará agora a solicitude de que sexa entregado a España.
Ourense continuará cos orzamentos de 2014 prorrogados. Os grupos da oposición, que advirten de defectos de "legalidade", votaron contra a convocatoria urxente dun pleno extraordinario no que o alcalde, Jesús Vázquez (PP), procuraba propiciar unha cuestión de confianza ligada ao seu primeiro proxecto de contas do mandato. Recólleo a edición ourensá de Faro de Vigo
Eduardo Zaplana, detido pola Garda Civil. O seu nome apareceu vinculado á operación Púnica e en conversas gravadas a Ignacio González durante a operación Lezo.
Rajoy refírese á vez en pasado e futuro á ampliación aínda non rematada da ponte de Rande, “obras inauguradas en decembro de 2017 polas que ampliaremos a capacidade da AP-9”. En plena polémica polos atascos que producen os traballos aínda non rematados cinco meses despois, o presidente eloxia a actuación como “unha obra histórica para Vigo realizada en tempo de crise”, obviando que será pagada polos usuarios cunha suba de peaxes en toda a autoestrada.
Os galegos Iago Aspas e Lucas Vázquez, citados pola selección española para xogar o Mundial de fútbol deste verán en Rusia. Thiago e Rodrigo, criados na canteira da ED Val Miñor, tamén forman parte da lista facilitada esta mañá.
Falece o deputado do PPdeG Carlos López Crespo, segundo vén de confirmar o presidente da Xunta. Antes da súa chegada ao Parlamento fora alcalde de Outes.
Ponte Caldelas rexistrou esta noite un novo tremor de terra (de dous graos na escala Richter) e suma 37 na última semana, que tamén se están sentindo en Pontevedra e Vilaboa.
Nicolás Maduro gaña as eleccións presidenciais en Venezuela cunha participación do 46%. EE.UU. e a UE non recoñeceron estes comicios, que tamén boicoteou unha parte importante da oposición.
O empresario de orquestras Lito debe facer fronte a un novo xuízo con multas millonarias e peticións de penas que suman 35 anos de cadea. Recentemente foi absolto doutros dous delitos contra a facenda pública ao anularse os rexistros efectuados pola Axencia Tributaria