PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego de Galicia diminuíron en 670 durante o mes de agosto, o que en termos porcentuais supón un -0,44% (a media estatal é do -2,42%) e o paro rexistrado queda en 151.264 persoas, 25.687 menos que hai un ano. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 3.198 persoas e queda en 1,39 millóns, o que supón 26.676 máis que en agosto de 2020.
Fálase
España acada o obxectivo de vacinar o 70% da poboación en oito meses. O 70,3% dos residentes no Estado teñen a pauta completa logo de seren inmunizadas case 33,4 millóns de persoas.
Este mércores botou a andar unha nova edición do Festival de Cans, onde este xoves serán protagonistas o historiador Ian Gibson (polo documental 'Donde acaba la memoria') e Xosé Manuel Beiras, polo filme 'Beiras, vivir dúas veces', que se proxectarán no Centro Cultural Municipal do Porriño.
Pedro Sánchez confirma unha suba "inmediata" do salario mínimo, xa no mes de setembro. O obxectivo é que alcance o 60% do soldo medio cando remate a lexislatura.
A atleta lucense Adiaratou Iglesias obtivo a medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Toquio nos 100 metros T13 (discapacidade visual). Iglesias foi felicitada pola Deputación de Lugo, que a través de Efrén Castro, Deputado de Deportes, destacou que a atleta "acaba de dar unha lección de superación e sacrificio con este ouro do que nos sentimos plenamente orgullosos”
Ordes, Melide e Monforte estarán dende este sábado no nivel máximo de restricións, segundo acordou a Xunta despois da xuntanza do Comité Clínico que asesora á Consellaría de Sanidade. Outros 21 concellos situaranse no nivel alto: Agolada, Arzúa, Lalín, O Pino, Trazo, Curtis, Cee, Cerceda, Muxía, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Vilalba, A Pastoriza, Castro de Rei, Meira, O Saviñao, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Ares e A Cañiza.
A Comisión Europea anuncia que o 70% da poboación adulta da UE xa ten a pauta completa da vacina contra a COVID. A presidenta, Ursula von der Leyen, aclara que os 27 acadaron o obxectivo fixado a principios de ano para o final do verán. A porcentaxe de persoas maiores de 12 anos coa pauta completa acada o 81,6% en Galicia e o 77,9% no conxunto do Estado Español (74,1% e 69,1%, respectivamente, sobre o total da poboación)
A xustiza condena o Concello da Coruña por vulnerar o dereito de participación polítca da Marea Atlántica. A alcaldesa Inés Rey impediu ao grupo e ao PP debater emendas aos convenios nun pleno do pasado febreiro.
Concellos dun gran número de comarcas de toda Galicia redobran as mobilizacións contra o peche de sucursais bancarias. Nos últimos meses anunciouse a clausura de oficinas en Boiro, Ribeira, Vilagarcia de Arousa, Valga, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Marin, Poio, Portas, Ferrol, Fene, Cerdido, Monfero ou Campo Lameiro (na imaxe), entre outras localidades. Este xoves está convocada unha manifestación ante a sede de Abanca na Coruña, apoiada polos gobernos municipais de Zas, Vimianzo e A Baña.
No acto de inicio do curso político celebrado polo PP na carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, Alberto Núñez Feijóo pediu "mandar a Pedro Sánchez ao mesmo sitio ao que xa se foi Pablo Iglesias” para conseguir ter un Executivo central "moi diferente ao actual". No acto, Pablo Casado anunciou que Galicia acollerá os traballos previos da Convención Nacional do partido -que se celebrará en outubro en Valencia- e que aquí se iniciará "a redacción das futuras leis" do seu "Goberno".