Finaliza sen acordo o encontro -por videoconferencia- dos ministros de Finanzas da Eurozona sobre as axudas económicas para paliar a crise do coronavirus que dependen dos Estados. O presidente do Eurogrupo, Mário Centeno (na imaxe), anuncia que as conversas continuarán mañá. As condicións do fondo de rescate son unha parte dos atrancos, mentres países como Alemaña ou Holanda reiteran que non aceptarán compartir débeda con toda a UE.
Fálase
O Sergas anuncia que se dispón a incorporar á estatística oficial do coronavirus os datos do impacto da pandemia nas residencias de maiores. A Xunta admite que o fai "cumprindo" as "indicacións" ditadas o pasado sábado polo Ministerio de Sanidade, en virtude das cales dende mañá, 8 de abril, as autonomías teñen que informar o Estado sobre os casos de covid-19 nestes centros de maiores. Ata hoxe, Sanidade excluíu da súa estatística os falecementos por coronavirus nas residencias, que veu divulgando Política Social á marxe.
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, na UCI tras empeorar os seu estado de saúde polo coronavirus. O Goberno do Reino Unido viuse obrigado a endurecer as medidas fronte á pandemia nas últimas semanas ante o risco de colapso nos hospitais.
Cancelado o festival vigués O Marisquiño polo coronavirus. O certame ía celebrar a edición do seu vixésimo aniversario do 7 ao 9 de agosto, pero a organización considera que "a grave situación mundial" pola pandemia "non deixa outra saída que suspender o evento" e celebralo en 2021. "Nestes momentos está moi comprometida a presenza de deportistas internacionais, dada a incerteza sobre o reinicio dos voos internacionais e as restricións á mobilidade que poderían aplicarse nos próximos meses", indican nun comunicado.
Rouban uns dous millóns máscaras de protección nunha nave industrial do compostelán polígono do Tambre en plena crise do coronavirus. A Xunta confirma que se produciu este "roubo de material sanitario" polo que, segundo adiantou Radio Galicia-Cadena SER e confirma a Policía, hai xa unha persoa detida. Ampliamos a información neste espazo (Na imaxe, de arquivo, máscaras utilizadas pola sanidade pública fronte ao virus)
O Goberno central valora illar en hoteis ou polideportivos persoas que dean positivo por coronavirus e non teñan síntomas se non poden illarse correctamente na súa casa. Pedro Sánchez formulou a proposta durante a videoconferencia coas presidencias autonómicas deste domingo -na imaxe- e Feijóo asegura non "entender" o propósito da posible medida.
Concellos galegos piden non pechar os contedores do lixo durante a crise do coronavirus para evitar contaxio ao tocalos. Diversos gobernos locais están a deixar abertos por este motivo os contedores que non teñan pedal e algúns deles, como o Concello de Lugo este domingo, fan chamamentos específicos á cidadanía para non os pechar e facilitar así ademais, especifican, o labor de desinfección que continúan a facer.
Falece aos 76 anos o cantautor, pintor e poeta Luis Eduardo Aute. O estado de saúde do autor de Al alba deteriorárase especialmente dende 2016, cando sufrira un infarto tras o que estivo en coma durante case 50 días.
O Goberno central solicitará ao Congreso unha segunda prórroga do estado de alarma polo coronavirus, ata o 26 de abril. Prevese que durante este sábado o Executivo ofreza máis detalles da medida, adoptada tras a reunión de Pedro Sánchez co comité científico que o asesora na pandemia -na imaxe, un intre do encontro telemático-. Sánchez trasladou durante a mañá a proposta ás forzas políticas. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta adía as probas de acceso a ciclos de FP de grao superior que se ían celebrar o 23 de abril por mor do coronavirus. "En función da evolución da pandemia, publicarase un novo calendario", di a Consellería de Educación, que agrega que "polo momento", se manteñen as probas de acceso para FP de grao medio, sinaladas para o 28 de maio.