O CIS mantén o PSOE como primeira forza nunhas eventuais eleccións xerais, con algo máis de dez puntos de vantaxe sobre o PP, dous máis que nos últimos comicios. O inquérito sitúa a Unidas Podemos de volta na terceira posición, por diante de Vox, e tamén calcula un crecemento de dúas décimas do BNG.
Fálase
5A | O PP retería a maioría absoluta en Galicia por un só escano, segundo unha estimación electoral de KeyData para Público.es, que sitúa a PSdeG e BNG con cadanseus cinco escanos máis e a Galicia en Común, como cuarta forza con 7 actas. Segundo esta estimación, os de Feijóo perderían un escano na Coruña, Lugo e Pontevedra e estarían en condicións de manter o Goberno ao resistiren en Ourense.
Ciudadanos tivo en nómina como asesor a un membro da Xunta Electoral Central que resolveu sobre reclamacións do propio partido. É unha información de eldiario.es
O Goberno central e o Goberno catalán mantiveron esta tarde na Moncloa a primeira xuntanza da mesa de diálogo pactada polo PSOE con ERC. As delegacións encabezadas por Pedro Sánchez e Joaquim Torra estiveron reunidas durante algo máis de tres horas. Imaxe divulgada pola Generalitat catalá.
5A | Feijóo asegura que Vox quere "botalo" da Xunta e o líder do partido de extrema dereita matiza que apoiaría o PP en Galicia se fose preciso para que reteña o Goberno a cambio de certas concesións
A porcentaxe de falecementos de persoas afectadas polo coronavirus fóra da China rolda o 0,7% e o número de recuperacións xa supera ao de novos casos na corentena de países afectados. Máis detalles, nestes gráficos que sintetiza eldiario.es. O Sergas ofrece nesta ligazón información contrastada e recomendacións ao respecto sobre o virus. (Imaxe: CC BY-SA Scientific Animations)
5A | Caballero salienta que o PSdeG “goberna máis de cen concellos” e que o 55% dos galegos teñen alcalde ou alcaldesa socialista, e comprométese a que, se chega á Xunta, será “aliado” das administracións locais. O candidato socialista, que iniciou unha xira pola Galicia urbana, reúnese co alcalde de Vilagarcía e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela.
Salvamento Marítimo localizou o corpo sen vida dun dos mariñeiros do pesqueiro 'Marsua J', que naufragou preto das Illas Cíes. O barco, con base en Baiona, estaba en paradoiro descoñecido dende a unha do mediodía. Aínda se tenta localizar a outro mariñeiro, que se atopa desaparecido.
Alfonso Alonso dimite como presidente do PP vasco tras ser substituído por Carlos Iturgaiz como candidato ás eleccións vascas, que se celebran o mesmo día que as galegas, por decisión da dirección central do partido. Este luns, Feijóo dixo non ter "información" sobre "o contido e alcance do que ocorreu", expresou "admiración política e persoal" por Alonso e "afectos, simpatía e admiración" por Iturgaiz, a quen define como "vello amigo". Na imaxe, Feijóo con cargos do PP vasco en 2016.
Morre un operario ao caerlle enriba unha árbore no monte no que traballaba en Sabadelle (Chantada). Outro traballador tamén resultou ferido e tivo que ser evacuado, segundo informa o 112.