Os plenos a través de internet por mor do coronavirus chegan tamén aos pequenos municipios. Tras a autorización do Goberno central, o Concello de Outes celebrou esta mañá a primeira sesión plenaria telemática da súa historia (na imaxe).

Os plenos a través de internet por mor do coronavirus chegan tamén aos pequenos municipios. Tras a autorización do Goberno central, o Concello de Outes celebrou esta mañá a primeira sesión plenaria telemática da súa historia (na imaxe).
Os plenos por videoconferencia por mor do coronavirus chegan a Galicia. Tras a autorización do Goberno central, a Deputación de Lugo celebra arestora a primeira sesión plenaria da súa historia a través de internet. Pódese seguir ao vivo en YouTube
PARO REXISTRADO | O paro rexistrado aumenta en en 8.252 persoas en Galicia en marzo, o primeiro mes afectado pola crise do coronavirus, e ascende ata 174.481 persoas, 3.640 máis que no mesmo mes de 2019. O impacto da crise sanitaria tamén se percibe na afiliación á Seguridade Social, cunha caída de 9.730 nun só mes ata ficar pouco por riba de volver baixar do limiar do millón de cotizantes. Toda a información, esta mañá en Praza.gal
Auga Seca é dende hoxe a primeira serie en galego dispoñible na HBO. A serie é unha coprodución galego-portuguesa de Portocabo e SPI para a RTP e mais a TVG e foi rodada entre Vigo e Lisboa. Antes da súa estrea nesta plataforma dixital foi emitida pola canle pública galega.
O Ministerio de Transportes fai público un mapa cos puntos de servizos para transportistas con indicación de horario, xeolocalización e se dispoñen de comida preparada, bocadillos, bebidas quentes ou duchas.
Chega NALINGUA, unha serie de podcast e reportaxes de longo formato a partir de obras da nosa literatura en VINTE da man de Laboratorio de Radio, presentado por Sergio Pascual e co apoio da SXPL.
Os mercados tradicionais de alimentos continuarán pechados durante o estado de alarma polo coronavirus. Medio Rural confirma que, tras consultar co Goberno central, mantén o peche que expiraba o 31 de marzo. "A actividade comercial minorista de alimentación queda restrinxida a establecementos comerciais" e estes "mercados tradicionais ao aire libre implican (...) unha congregación dun alto número de persoas co conseguinte risco de contaxio masivo", cita Medio Rural sobre a resposta.
Este 1 de abril celébrase o Día das Artes galegas, que este ano está dedicado ao arquitecto Domingo de Andrade. Construíu a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago ou a escaleira tripla de caracol do convento de San Domingos de Bonaval, ademais de parte das catedrais de Lugo e Ourense ou a Casa da Parra e a Casa da Conga, en Compostela. A Real Academia Galega de Belas Artes dedicará ao longo do ano unha serie de actos e actividades para enxalzar a súa figura e o Consello da Cultura ofrece un percorrido virtual pola súa obra
A Galipedia anima a aproveitar o confinamento para incrementar os contidos da wikipedia en galego e a súa calidade. A enciclopedia libre lanza a iniciativa #EuTraduzoNaCasa para traducir ao galego artigos de calidade, que acompañan dunha breve guía para que todas as persoas poidan colaborar.
O Goberno central autoriza os concellos e deputacións a celebraren plenos e reunións doutros órganos colexiados por videoconferencia por mor do coronavirus. O Real Decreto-Lei publicado hoxe faculta as alcaldías e presidencias a decidiren facelo deste xeito en "situacións excepcionais de forza maior".