O Miudiño da afección do Obradoiro torna en himno da Supercopa ACB na primeira xornada da competición, na que o equipo compostelán perdeu 61-81 fronte ao Real Madrid. A competición continúa este sábado no Fontes do Sar coa final entre os madridistas e Baskonia.
Fálase
O Obradoiro disputa este venres como anfitrión a Supercopa ACB fronte ao Real Madrid no Fontes do Sar. O equipo gañador deste partido disputará o primeiro título da tempada fronte ao conxunto que se impoña na outra semifinal, que xogan Barcelona e Baskonia.
A empresa sanitaria estadounidense coa que a Xunta asinou convenios para actuar en catro hospitais galegos merca unha compañía israelí de robótica. Medtronic anunciou a adquisición por algo máis de 1.600 millóns de euros a través dun comunicado no que indica que coa tecnoloxía desta nova empresa prevé mellorar a súa área de cirurxía da columna vertebral.
O Foro Económico Mundial destaca nun vídeo a peonalización e modelo urbano de Pontevedra. O organismo internacional destaca a ausencia de accidentes e o descenso na contaminación, tal e como fixera o xornal británico The Guardian.
Unidos Podemos pide no Congreso auditar os custos do AVE antes de construír novas liñas e o PP interpreta que quere parar o AVE galego que xa está a piques de rematarse.
A Fiscalía oponse a investigar a Pablo Casado polo seu máster. O informe non é vinculante pero será valorado polo Tribunal Supremo para decidir se imputa ao presidente do PP, como lle propuxo a xuíza do caso.
Chega a edición coreana de Escarlatina, a cociñeira defunta, a exitosa novela de Ledicia Costas. En 2015 conversamos coa autora sobre o libro nesta entrevista.
Un tremor de terra de 3 graos con epicentro en Meira percíbese en boa parte da provincia de Lugo.
Feijóo critica o uso da posthistoria como “instrumento para a división” na presentación en Madrid dunha novela da xornalista Isabel San Sebastián. O presidente apela a “o valor da historia para rehabilitar o noso pasado sen triunfalismos nin derrotismos”.
A falta de avances no acordo para o Brexit no cumio da UE en Salzburgo é lida nos principais xornais británicos como unha humillación a Theresa May, que se enfronta a un delicado congreso do seu partido en apenas unha semana. (Imaxe: Comisión Europea).