Monago asegura que é "mentira" que pagase 32 viaxes a Canarias con cargo ao Senado, como publicou Público.es. O presidente extremeño asegura que só foron 16 e por motivos profesionais: "non cadra nin a cifra nin a data", mantén. Amosa, asemade, un extracto cos gastos da súa tarxeta de crédito persoal.
Fálase
Paula Prado comparece esta mañá ante o TSXG como imputada no caso Pokémon. Despois de que o alcalde de Ferrol deixase de estar imputado no mesmo caso Feijóo defende esta situación como un motivo para a cautela e para manter as persoas imputadas nos seus postos.
A Federación Galega da Construción pide non "demonizar" as modificacións de contratos. Faino en plena polémica polo cambio, cunha lei a medida, da contratación da autovía da Costa da Morte.
Disquecool dá a coñecer os nove proxectos seleccionados para participar no Off Culturgal deste ano, que se celebrará entre o 5 e o 7 de decembro no marco do Culturgal.
O curioso incidente do can a media noite, de Mark Haddon, é o libro mái lido nos clubes de lectura das bibliotecas escolares galegas, segundo publica o blog Ler en mancomún. Ségueo O neno do pixama a raias (John Boyne), A praia dos afogados (Domingo Villar) e Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz), nunha lista con obras tamén de Xulia Alonso, Marcos Calveiro e Pedro Feijoo.
O Supremo investigará a Chaves e Griñán polo caso dos ERE en Andalucía.
O gasto en I+D en España segue descendendo, segundo os datos que vén de publicar o INE. En 2013 foi de 13.052 millóns de euros, 340 millóns menos que o ano anterior, e tan só o 1,24% do PIB, cada vez máis lonxe do obxectivo do 3% fixado pola UE para 2020. Ademais, España perdeu 3.195 investigadores e investigadoras no último ano.
O PSOE pronúnciase sobre as ordes de detención cursadas por Interpol para os ex ministros de gobernos franquistas. A través do seu portavoz no Congreso, Antonio Hernando pide "respectar o que diga a Audiencia Nacional e o que establece a legalidade vixente".
Jon Díez Domínguez, director de fotografía, denuncia que tras ser contratado para traballar nunha maqueta do anuncio da Lotaría de Nadal (realizado por RCR Films e Leo Burnett) que finalmente foi seleccionada por Loterías del Estado, nin cobrou polo traballo nin foi incluído na realización final do spot.
Gallardón declara ao Congreso que está en números vermellos. Afirma ter unha conta corrente con saldo negativo e di que hai veces que moitas veces "non chega a fin de mes".