O Parlament de Catalunya celebra este xoves o pleno de investidura de Jordi Turull como presidente da Generalitat. O xuíz Llarena citou a Turull e outros cargos independentistas para procesalos.
Fálase
Ás 21 horas comeza no Rosalía de Castro da Coruña a gala dos Premios de Teatro María Casares. Elisa e Marcela, Resaca e Soño dunha noite de verán optarán ao galardón ao mellor espectáculo. Tamén Martes de Carnaval e A Cabeza do Dragón suman un gran número de candidaturas. O premio Marisa Soto recoñecerá a traxectoria de Rosa Álvarez. A gala pódese seguir en directo en streaming na web da CRTVG e a partir das 22.45 en diferido na TVG2. Toda a información, esta noite en Praza.
Fomento suspenderá os cortes de tráfico na ponte de Rande durante a Semana Santa, entre as 13 horas do venres día 23 ata o luns 2 de abril, pero avanza que despois manteranse as restricións dunha infraestrutura inaugurada por Rajoy e Feijóo hai xa tres meses.
A deputada de En Marea Paula Quinteiro nega que tentase impedir unha identificación policial a pasada fin de semana en Santiago e asegura que só tentou "mediar" no altercado no que se viron implicadas persoas que a acompañaban tras unha denuncia veciñal por vandalismo. Afírmao nun comunicado a través das redes sociais como resposta á información publicada este martes pola axencia Europa Press e mais La Voz de Galicia.
O escándalo da captación irregular de datos de Facebook con fins electorais nas presidenciais estadounidenses multiplica as alertas sobre a privacidade en internet e a ameaza que supón o manexo de datos de millóns de persoas por parte destas compañías.
PP, PSOE e Ciudadanos botan abaixo a reforma da Lei de Amnistía que pretendía xulgar os crimes franquistas. Os socialistas non apoian a tramitación proposta por Podemos, PNV, ERC e Bildu.
Jordi Sànchez renuncia a tentar a investidura como presidente da Generalitat e á acta de deputado do Parlament para tentar que o xuíz lle permita saír do cárcere, onde o antigo líder da ANC se atopa en réxime de prisión provisional.
O Goberno central adxudicou máis de 300 millóns en mantemento de estradas cunha fórmula ilegal que favorecía o dedazo ás construtoras, revela unha investigación de eldiario.es. Dos 40 contratos, autorizados polo agora ministro de Xustiza Rafael Catalá, tres correspondían a estradas galegas. En 2013 xa saíra á luz unha trama de adxudicación de contratos a dedo para mantemento de estradas en Ourense.
O PP de Pontevedra erixe as achegas de ENCE a clubs deportivos en "exemplo do bo facer da Xunta de Núñez Feijóo". Pontevedra Viva recolle as declaracións do líder dos populares pontevedreses, Jacobo Moreira, que anteriormente xa cualificara como "fomento do odio" a oposición do Concello á permanencia da pasteira na ría.
O inverno que hoxe remata tivo precipitacións un 19% por riba do habitual nas últimas décadas, especialmente no sur da provincia de Pontevedra, onde se recolleron máis de 1.200 litros por metro cadrado (pola contra, Valdeorras ou Verín ficaron en 200). Foi tamén un inverno algo máis frío do normal, sobre todo o mes de febreiro, coas temperaturas máis baixas dos últimos 12 anos. Todos os datos no informe presentado por Meteogalicia esta mañá.