O Deportivo feminino logra unha cómoda vitoria no seu histórico debut na Copa da Raíña en Riazor impoñéndose ao Valencia cun 7-2 que as clasifica para os cuartos de final da competición. (Imaxe: RC Deportivo)
Fálase
Rajoy e Aznar declararán como testemuñas no xuízo pola caixa B do PP, que a investigación do caso Gürtel deu por acreditada. O tribunal acepta a petición da acusación popular que exerce a asociación Adade.
5A | O alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, evidencia que votará ao PP nas eleccións galegas. Un dos acordos de DO cos populares para formaren bipartito no consistorio ourensán foi que a formación de Jácome non concorrese aos comicios galegos. En 2016, DO presentouse e obtivo 7.723 votos.
5A | Feijóo ratifica ante a Xunta Directiva do PP galego que será candidato á presidencia da Xunta por cuarta vez. "Se o meu partido está disposto, eu estou disposto". Toda a información, hoxe en Praza.gal (Imaxe: PPdeG)
O Congreso inicia este martes o trámite da proposición de lei de eutanasia, promovida polo PSOE e que previsiblemente será tomada en consideración por ampla maioría. O PP, como xa avanzara tamén en Galicia, ratifica o seu voto en contra e pide aprobar como "alternativa" unha "lei integral de coidados paliativos". Vox, asemade, tamén votará "non". O texto íntegro da proposta pódese consultar aquí
O movemento feminista expresa en vilas e cidades galegas a súa repulsa polo asasinato dunha veciña de Lugo, Clara Expósito, a mans da súa parella. A Marcha Mundial das Mulleres recompila fotografías das múltiplas mobilizacións. Na imaxe, da Marcha, a concentración ante a casa do Concello de Lugo.
O lehendakari Urkullu convoca unha comparecencia ante os medios para esta tarde ás 16h e diversos medios vascos dan por feito que anunciará un adianto electoral, previsiblemente para o 5 de abril. No caso de ser esa a data elixida, o prazo legal para a convocatoria remata mañá. En 2009, 2012 e 2016 Galicia e Euskadi votaron o mesmo día.
Abanca merca o banco portugués Eurobic. É a quinta compra doutra entidade que realiza o banco herdeiro das desaparecidas grandes caixas galegas dende 2014. As entidades non revelan o importe da operación, pendente das autorizacións correspondentes, que implica a compra do 95% das accións. O pasado ano, Abanca logrou 405 millóns de euros en beneficios e as súas ganancias acumuladas xa se achegan aos 3.000 millóns. (Imaxe: Abanca)
O Concello de Lugo decreta tres días de loito oficial polo asasinato dunha muller a mans da súa parella no barrio das Gándaras. A corporación lucense desenvolve esta mañá un pleno extraordinario de condena e unha concentración contra a violencia machista ás 12 antes a casa consistorial.
O Sinn Féin aséntase como primeira forza nas eleccións irlandesas con máis do 60% do reconto completado. A formación logra este histórico resultado tras unha campaña de marcado perfil social en eidos como o acceso á vivenda. A súa líder, Mary Lou McDonald, advirte de que o tradicional bipartidismo na República rachou e subliña que o Sinn Féin debe ser tido en conta para gobernar. A televisión pública RTE está a ofrecer datos do reconto, que aínda continúa.