Meteogalicia prevé ceos cubertos pola mañá, coa posibilidade dalgún orballo, e apertura de claros para a tarde, con chuvascos illados e ocasionais para este domingo. Os ventos soprarán frouxos e as temperaturas serán agradables.
Fálase
O Goberno central permitirá a actividade física e os paseos a partir do 2 de maio "se a pandemia segue este ritmo". Anunciouno Pedro Sánchez na súa comparecencia deste sábado ante os medios. Ademais, advirte dunha "desescalada asimétrica e gradual", por territorios e actividades pero "coordinada". O plan para esta flexibilización das medidas será presentado o martes logo do Consello de Ministros.
O Goberno central prescinde dos uniformados da Garda Civil, o Exército e a Policía nas roldas de prensa diarias de técnicos sobre o coronavirus.
O Concello de Lugo suspende o Arde Lucus polo coronavirus e convoca as asociacións que participan na festa, que se ía celebrar a finais de xuño, para "traballar xuntos nas alternativas". "Nun escenario de restricións de movementos" resulta "imposible celebrala como ata agora, porque atrae a miles de persoas", explican dende o consistorio. "A excepcionalidade deste ano suporá un reto engadido de creatividade, innovación e adaptación. A excepcionalidade obríganos a pensar en ideas novas", cre a edil responsable da celebración, Ana González Abelleira.
O BOE publica a orde coas condicións para as saídas dos menores de 14 anos desde mañá. Se o adulto responsable dos pequenos non é un dos proxenitores, deberá contar cunha autorización previa destes.
O xuíz clave no encarceramento de Lula da Silva, Sérgio Moro, presenta a dimisión como ministro de Xustiza de Bolsonaro. Moro marcha entre acusacións de inxerencia do presidente brasileiro na Policía Federal.
O Consello da Xunta aproba tramitar a contratación da primeira fase da ampliación do hospital de Montecelo, en Pontevedra, á que prevé destinar ata 115 millóns de euros. O Consello xa abordara esta mesma obra en novembro do ano pasado, daquela como informe antes do envío dun anuncio previo ao Diario Oficial da Unión Europea. Na imaxe, unha recreación do proxecto.
Persoal da CRTVG chega hoxe ao venres negro número 101. A mobilización de Defende a Galega reclama o cumprimento íntegro da lei de medios e sinala que "en tempos de crise é preciso, máis ca nunca, contar cuns medios independentes e honestos". Actualmente, a CRTVG transita por un longo período sen control parlamentario por mor da disolución do Parlamento antes das adiadas eleccións de abril.
O Concello de Lugo activa o sitio web que permite adquirir agora produtos ou servizos en comercios e locais de hostalaría da cidade pechados por mor do coronavirus e consumilos despois do confinamento. O portal Abrindo Lugo foi presentado este venres coas primeiras incorporacións.
O Sergas distribuirá de balde paquetes de tres máscaras cirúrxicas para "unhas 700.000 persoas" con "rendas baixas" a través das farmacias. Segundo vén de sinalar Feijóo tras o Consello da Xunta, que o aprobou como acordo, poderán ser retiradas "coa tarxeta sanitaria" por parte de persoas que perciban a Risga, desempregadas sen prestación ou "pensionistas cunha renda anual por debaixo dos 18.000 euros". Nos últimos días, a oposición galega reclamara ao Goberno a distribución de máscaras para toda a poboación e a Xunta asegurara que ía emprender medidas ao respecto.