O Goberno central prescinde dos uniformados da Garda Civil, o Exército e a Policía nas roldas de prensa diarias de técnicos sobre o coronavirus.
Fálase
O Concello de Lugo suspende o Arde Lucus polo coronavirus e convoca as asociacións que participan na festa, que se ía celebrar a finais de xuño, para "traballar xuntos nas alternativas". "Nun escenario de restricións de movementos" resulta "imposible celebrala como ata agora, porque atrae a miles de persoas", explican dende o consistorio. "A excepcionalidade deste ano suporá un reto engadido de creatividade, innovación e adaptación. A excepcionalidade obríganos a pensar en ideas novas", cre a edil responsable da celebración, Ana González Abelleira.
O BOE publica a orde coas condicións para as saídas dos menores de 14 anos desde mañá. Se o adulto responsable dos pequenos non é un dos proxenitores, deberá contar cunha autorización previa destes.
O xuíz clave no encarceramento de Lula da Silva, Sérgio Moro, presenta a dimisión como ministro de Xustiza de Bolsonaro. Moro marcha entre acusacións de inxerencia do presidente brasileiro na Policía Federal.
O Consello da Xunta aproba tramitar a contratación da primeira fase da ampliación do hospital de Montecelo, en Pontevedra, á que prevé destinar ata 115 millóns de euros. O Consello xa abordara esta mesma obra en novembro do ano pasado, daquela como informe antes do envío dun anuncio previo ao Diario Oficial da Unión Europea. Na imaxe, unha recreación do proxecto.
Persoal da CRTVG chega hoxe ao venres negro número 101. A mobilización de Defende a Galega reclama o cumprimento íntegro da lei de medios e sinala que "en tempos de crise é preciso, máis ca nunca, contar cuns medios independentes e honestos". Actualmente, a CRTVG transita por un longo período sen control parlamentario por mor da disolución do Parlamento antes das adiadas eleccións de abril.
O Concello de Lugo activa o sitio web que permite adquirir agora produtos ou servizos en comercios e locais de hostalaría da cidade pechados por mor do coronavirus e consumilos despois do confinamento. O portal Abrindo Lugo foi presentado este venres coas primeiras incorporacións.
O Sergas distribuirá de balde paquetes de tres máscaras cirúrxicas para "unhas 700.000 persoas" con "rendas baixas" a través das farmacias. Segundo vén de sinalar Feijóo tras o Consello da Xunta, que o aprobou como acordo, poderán ser retiradas "coa tarxeta sanitaria" por parte de persoas que perciban a Risga, desempregadas sen prestación ou "pensionistas cunha renda anual por debaixo dos 18.000 euros". Nos últimos días, a oposición galega reclamara ao Goberno a distribución de máscaras para toda a poboación e a Xunta asegurara que ía emprender medidas ao respecto.
O lehendakari Urkullu baralla que as eleccións vascas, canceladas como as galegas polo coronavirus, se celebren en xullo. Así o vén de anticipar nunha comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento vasco. Os comicios de Euskadi íanse celebrar o 5 de abril, data que Feijóo elixira para os galegos tras o adianto decidido polo líder vasco. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta adquire un novo manual de imaxe corporativa tras implantar nos últimos meses unha mudanza no logotipo que viña usando dende 2003. A identidade corporativa do Goberno galego está regulada dende 2009 por un decreto que, polo momento, non foi modificado e segue vixente. O novo manual tivo un custo de 17.992,70 euros e foi elaborado pola empresa coruñesa Costa Comunicación Visual.