Os falecementos ligados á gripe ascenden en Galicia a 107 nos meses transcorridos da tempada de vixilancia, que comeza en outubro, segundo os últimos datos do Sergas. Son tres máis que en toda a tempada 2015-16, pero seguen por baixo das mortes rexistradas na 2016-17. O período de vixilancia esténdese ata maio. Os falecementos por esta enfermidade acadaron máximos no que vai de século tras décadas de descensos.
Fálase
Ciudadanos promove unha lei no Congreso que implicaría que a Xunta poida incorporar persoal que descoñeza o galego. Cóntao eldiario.es. As primeiras actuacións do partido de Rivera en Galicia fora a participacións en accións contra o ensino en galego.
Adif contrata o remate da estación de Vigo-Urzáiz sete anos despois de tirar a anterior. O prazo de execución é de 30 meses, polo que a obra non estará rematada ata unha década despois de que a cidade quedase sen a anterior terminal.
O Goberno xustifica ampliar a prisión permanente revisable porque o avalan as enquisas. “O 80% dos votantes de todos os partidos apoian esta medida”, asegura o ministro de Xustiza, Rafael Catalá. Porén, ningunha asociación de xuíces e fiscais nin ningún outro partido avala a decisión.
O Celta con Siniestro Total e o Dépor, con Xoel López. O deseñador Pepe Dus redeseña as camisolas de equipos de fútbol combinándoas coas bandas de música ligadas a eles ou ás súas cidades. Todos os deseños, na súa conta de Twitter.
O alcalde de Cangas advirte de que cobrará aos vigueses por aparcar nas praias se Caballero fai que o aparcamento do novo hospital de Vigo sexa gratis só para os vigueses.
Este é o plan que prepara o Goberno central para introducir a defensa da unidade de España no currículo escolar. Entre os contidos que prevé implantar inclúese a promoción do Exército e da Monarquía. Cóntao eldiario.es
As concelleiras do goberno de Santiago súmanse á folga feminista do 8 de marzo e promoven que o Concello a apoie a través dunha moción que formulará Compostela Aberta no vindeiro pleno.
A reforma electoral formulada por Unidos Podemos restaría 15 escanos ao PP e 1 ao PSOE e sumaría 12 a Ciudadanos e 6 aos de Iglesias e as súas confluencias cos resultados das últimas eleccións xerais. Informa eldiario.es
A cooperativa Viña Costeira, elixida mellor adega do ano pola comunidade de afeccionados ao viño da publicación especializada verema.com. A do Ribeiro é a única presenza galega entre os tres primeiros postos das 13 categorías dos premios.