Unhas 500 persoas maniféstanse na Pobra do Brollón para pedir que se cubra a baixa dun médico do centro de saúde. O profesional deixou a súa praza en agosto, e o SERGAS optou por substituílo unicamente dous días á semana.
Fálase
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, négase a declarar no proceso que o investiga por un presunto delito de suborno e permanecerá imputado. En 2008 o deputado provincial Severino Reguera alugou uns locais comerciais propiedade de Louzán por un prezo moi superior ao normal de mercado
Segundo publica o New York Times, un dos pilotos do avión de Germanwings accidentado saíu da cabina de mando e xa non puido volver a entrar, escoitándose nas gravacións previas ao sinistro como tentaba botar a porta abaixo
Os críticos de UPyD buscan apoios para levar a cabo unha moción de censura contra Rosa Díez. Para que prospere, ten que ser aprobada por dous terzos do consello político da formación.
O BNG amordázase no Parlamento para protestar pola imposibilidade de preguntarlle a Feijóo na sesión de control. É a primeira vez que non pode realizar esta pregunta dende que foron creadas as sesións de control, no ano 2002. A limitación débese ao novo reparto de iniciativas parlamentarias.
A Marea Atlántica vén de presentar a súa ferramenta para un programa colaborativo, na que os veciños poderán facer as súas propostas ata o vindeiro 3 de abril de cara á elaboración definitiva do programa electoral.
A fiscalía do TSXG solicita a "conclusión e arquivo do sumario" da investigación sobre Paula Prado no marco da Operación Pokémon e o xuíz instrutor atende a petición "ao non apreciar a comisión de delito", segundo informa o PP. A investigación xiraba en torno á posible comisión de delitos de tráfico de influencias e fraude na súa etapa como concelleira en Santiago. Prado di que a causa foi "inxustamente iniciada".
Gonzalo Trenor (PP) asegura no Parlamento que "ninguén foi encausado por impedir un desafiuzamento". Afirmou durante o debate dunha iniciativa de AGE sobre o desaloxo dunha familia na parroquia compostelá de Aríns. No mesmo debate o deputado de Alternativa Antón Sánchez foi apercibido por afirmar que os populares levan "trinta anos financiándose con diñeiro negro" e a expresión foi retirada.
A Fundación Civio publica o libro Españopoly. Cómo hacerse con el poder en España (o, al menos, intentarlo), de Eva Belmonte, que analiza "cales son as regras do xogo, quen son os principais xogadores e a que intereses responden".