Povisa solicita preconcurso de acredores para forzar o Sergas a mellorar o concerto asinado hai catro anos. Ampliamos aquí a información.

Povisa solicita preconcurso de acredores para forzar o Sergas a mellorar o concerto asinado hai catro anos. Ampliamos aquí a información.
O Tribunal Supremo rexeita investigar a Pablo Casado polo seu máster. A decisión prodúcese despois de que a Fiscalía rexeitase os argumentos que daba a xuíza instrutora do caso, que vía indicios de prevaricación e suborno impropio no xeito en que obtivo o título, sen acudir a clase. Este xoves o presidente Feijóo, ao falar do seu cambio de goberno, salientou que o seu executivo é como un máster ao que “hai que asistir todos os días”.
Varias das persoas que ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás comparecen esta mañá nos xulgados de Betanzos tras ser denunciados pola familia Franco. Unha concentración amosa a "solidariedade" coas seis persoas que declaran hoxe tras reivindicar a devolución ao patrimonio público das Torres.
Este venres comeza a vixésima edición da “Rúa dos Contos” no FIOT Carballo, que leva as artes escénicas a lugares públicos de lecer, como cafeterías e mesóns. Este sábado Manoliño Nguema ofrecerá a súa representación Ngoan ntangan, dous mundos que se tocan: Guinea Ecuatorial e Galicia
A mobilización das familias de Brión consegue recuperar o curso de reforzo en 3º de ESO. O alumnado volverá ás aulas este venres pero a manifestación en Santiago mantense porque a asemblea considera que a proposta da Xunta “é so un primeiro chanzo para atender as necesidades do centro”
Martiño Noriega "comunica a súa dispoñibilidade para repetir como candidato" ás eleccións municipais por Compostela Aberta. O alcalde de Santiago vén de comunicalo á asemblea da formación, cuxa militancia terá que ratificar a candidatura.
Morre Xan Cejudo. Actor, autor e director teatral, en 2011 recibiu o Premio de Honra Marisa Soto, outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Ademais, foi galardoado con dous premios María Casares como mellor actor (Tío Vania) e mellor actor secundario (Noite de Reis, ou o que queirades)
O chantadino Francisco González, presidente de BBVA, anuncia a súa xubilación. Foi o encargado de privatizar Argentaria por orde de Aznar e non logrou facerse coas antigas caixas galegas, que foron parar ao venezolano Banesco.
A ministra de Facenda espera que Pedro Duque aclare se tivo unha sociedade para eludir impostos. Pablo Iglesias solicitoulle xa explicacións ao Goberno de Pedro Sánchez, que afirma que "non hai caso" e que anuncia que o ministro de Ciencia e Innovación ofrecerá unha rolda de prensa
Un xulgado obriga ao Concello da Coruña a retirar a bandeira republicana da Casa Casares Quiroga. O contencioso-administrativo estima a demanda do Goberno central e acusa a administración local de "infrinxir o ordenamento xurídico" porque debe "actuar con obxectividade e imparcialidade" nos edificios municipais. Cóntao La Opinión.