O PP non prevé realizar acción ningunha para a investidura ata que o PSOE lle garanta apoio a un novo Goberno de Rajoy. Crónica en eldiario.es
Fálase
O PP únese a Bárcenas e outras defensas para tentar a anulación do xuízo do caso Gürtel. O partido secunda así a estratexia que seguen, entre outros, o seu ex-secretario de organización en Galicia e presunto número dous da trama, Pablo Crespo.
O ex-primeiro ministro portugués António Guterres será elixido con toda probabilidade novo secretario xeral da ONU. Na penúltima votación recibiu 13 dos 15 votos a favor, con dúas abstencións e ningún veto. A derradeira votación realizarase este xoves.
Dous bombardeiros rusos Tu-160 de fabricación soviética chegaron fronte á Mariña lucense o pasado 22 de setembro, segundo desvela o goberno francés, que mesmo os fotografou. Foron detectados e escoltados polas forzas aéreas de todos os países da OTAN aos que se achegaron, entre eles dous F-18 españois.
A ex-deputada ourensá Laura Seara, designada coordinadora de organización da xestora do PSOE. O órgano interino dos socialistas constituíuse o pasado sábado sen representación do PSdeG, na actualidade dirixido tamén por unha xestora cuxa presidenta, Pilar Cancela, se encadra no sector do partido afín a Pedro Sánchez.
Alfonso Penela é o gañador do concurso convocado por Xunta e COAG para reformar o vello hospital xeral de Vigo e albergar nel, cun investimento de 25 millóns de euros, todos os xulgados da cidade (54). O arquitecto vigués proponse recuperar a imaxe orixinal en cor branca do que en 1955 foi inaugurado como o segundo edificio máis alto do Estado, con 75 metros. O antigo xeral dispón de 10.000 metros cadrados máis que as actuais instalacións xudiciais de Coia.
Falece o poeta Francisco Cortegoso aos 31 anos de idade por mor da enfermidade que padecía. O autor viña de rematar o seu poemario Suicidas, que chegaba hoxe mesmo ás librarías, como vén de lembrar Chan da Pólvora Editora. A editorial está a homenaxear a Cortegoso na súa libraría de Santiago.
O Concello de Santiago comeza a aplicar a nova Renda de Garantía Básica Cidadá coa recolleita de solicitudes. A edil compostelá de Políticas Sociais debullou este mércores a medida, incluída nunha ordenanza que tamén contempla as Prestacións de Rescate Social.
A Mesa censura que a empresa Ferroatlántica non permita formular queixas en galego pero si en español, inglés, francés e chinés.