Catro dos sete sindicatos da Xustiza (UGT, CC.OO., SPJ e CSI-F) aceptan a última oferta da Xunta para poñer fin á folga, que será sometida a votación do persoal. A proposta non é secundada por Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ. A xuntanza desta mañá rematou entre unha forte tensión entre os representantes sindicais. Consulta aquí toda a información
Fálase
O movemento feminista galego convoca concentracións para esta tarde en protesta pola suavizada sentenza do xuízo contra a manada. De momento, hai convocatorias en Vigo, Ames, Compostela, Lugo, A Coruña, Pontevedra, As Pontes, Ourense, Noia, Ferrol, Vilagarcía, Cangas, Viveiro e Vilalba.
A Audiencia de Navarra condena a manada a nove anos de cadea por abuso sexual e exime os acusados do delito de violación. Os feitos tiveron lugar en xullo de 2016, durante as festas de San Fermín en Pamplona, cando unha moza denunciou ter sufrido unha agresión sexual por parte de cinco homes.
#EPA O paro aumentou en Galicia en 4.400 persoas no primeiro trimestre do ano ata as 186.500, 30.600 menos que un ano antes. No mesmo período o emprego reduciuse en 5.700 persoas ocupadas e o total da ocupación queda en 1,05 millóns, 16.500 máis que no mesmo trimestre de 2017, o que indica unha nova redución da poboación activa. Consulta aquí toda a información
Quedan en liberdade como investigados dous veciños de Gondomar duns 50 anos detidos como supostos autores dun dos maiores incendios da vaga do 15 de outubro, o que se iniciou na parroquia de Morgadáns desa vila e se estendeu ata Vigo e Nigrán.
O PNV votará a prol dos Orzamentos Xerais do Estado tras pactar co PP unha suba de pensións. Está a contalo eldiario.es
Dimite Cristina Cifuentes como presidenta da Comunidad de Madrid tras a filtración da súa suposta implicación nun furto nun supermercado hai sete anos que encadra nunha "campaña de acoso e derrubamento" contra ela. A líder popular levaba máis dun mes cuestionada polo escándalo do seu máster fraudulento, revelado por eldiario.es
Feijóo alenta a división dos sindicatos da xustiza instando os "máis interesados" na fin da folga en "dar un paso adiante". O presidente da Xunta realizou estas declaracións tras o inicio da acampada do persoal ante San Caetano para reclamar un acordo que permita poñer fin á mobilización, que xa dura 77 días.
Galicia, a piques de baixar dos 2,7 millóns de habitantes. O padrón continuo publicado este martes polo INE, correspondente ao 1 de xaneiro, sitúa a cifra nas 2.700.970 persoas, sete mil menos que o ano anterior.
O persoal da Xustiza en folga amence ás portas da Xunta no inicio da segunda xornada da súa acampada reivindicativa. A primeiras horas deste martes recibiron a visita do voceiro de En Marea, Luís Villares.