A pé, a cabalo ou nunha 'via ferrata': 9 formas de descubrir o Xeoparque Ortegal esta Semana Santa

A Serra da Capelada e Santo Andrés de Teixido © Deputación da Coruña

Para esta Semana Santa, o Xeoparque do Cabo Ortegal preparou un amplo catálogo de actividades de turismo activo. A proposta comeza este sábado, 28 de marzo, e desenvolverase durante un total de nove días ata o próximo domingo, 5 de abril

Hai case tres anos a UNESCO confirmou o Xeoparque do Cabo Ortegal como un dos novos xeoparques recoñecidos internacionalmente. A iniciativa dos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e a Deputación da Coruña converteuse no segundo xeoparque galego, despois do do Courel, e no 16º existente no Estado. O espazo fixo valer as súas condicións xeolóxicas excepcionais e a incrible beleza das súas paisaxes, que non están entre as máis coñecidas de Galicia.

Dende entón, o Xeoparque Cabo Ortegal vén desenvolvendo unha intensa actividade de promoción e de iniciativas, buscando promover as visitas á comarca e, sobre todo, desenvolver un turismo activo e sustentable, no que as actividades ao aire libre e o goce das súas paisaxes e espazos é a clave.

Cantís de Loiba © geoviajesortegal.com

As experiencias están deseñadas para que as persoas visitantes poidan achegarse ao territorio do xeoparque e coñecer o seu patrimonio natural, histórico e cultural dun xeito único e atractivo, mentres realizan deporte ao aire libre

Para esta Semana Santa, o Xeoparque preparou un amplo catálogo de actividades de turismo activo. A proposta comeza este sábado, 28 de marzo, e desenvolverase durante un total de nove días ata o próximo domingo, 5 de abril.

As actividades están adaptadas a todo tipo de públicos, sempre respectando os valores de sostibilidade e respecto coa contorna promovidos desde o Xeoparque Cabo Ortegal. As persoas interesadas deberán reservar a súa praza previamente a través do sitio web geoviajesortegal.com e consultar os detalles especificados para cada unha das iniciativas.

Os e as visitantes poderán realizar diferentes rutas de sendeirismo a pé ou a cabalo, e tamén descubrir a vía ferrata da Senda do Santo

As experiencias están coidadosamente deseñadas para que as persoas visitantes poidan achegarse ao territorio do xeoparque e coñecer o seu patrimonio natural, histórico e cultural dun xeito único e atractivo, mentres realizan deporte ao aire libre. Deste xeito, os e as visitantes poderán realizar diferentes rutas de sendeirismo a pé ou a cabalo, e tamén descubrir a vía ferrata da Senda do Santo.

 

Xeoruta da Lousa, en San Sadurniño © geoviajesortegal.com

Programa completo:

  • Sábado 28/03: XeoRuta do Toelo en Moeche
  • Domingo 29/03: Ruta Cal da Loba a cabalo
  • Luns 30/03: Vía Ferrata Senda do Santo
  • Martes 31/03: Ruta Acantilados de Loiba e Ribeira do Carro
  • Mércores 01/04: Sendeiro das Ferrerías en Valdoviño
  • Xoves 02/04: Altos de Santo André entre flora, fauna e xeoloxía
  • Venres 03/04: Unha viaxe mariñeira en Cedeira
  • Sábado 04/04: Ruta ecuestre de Meirás
  • Domingo 05/04: XeoRuta da Lousa en San Sadurniño
Via ferrata Senda do Santo © geoviajesortegal.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.