Queixeamos? A 49ª Festa do Queixo de Arzúa reunirá máis de 60 expositores e música en directo na 'Terra do Queixo'

Petisco de queixos elaborado polo restaurante arzuán Casa Nené © Festa do Queixo de Arzúa

Guadi Galego, Grande Amore, Fillas de Cassandra, Tu Futura Exmujer, La Plazuela, Arde Bogotá e De Vacas actuarán na Festa do Queixo de Arzúa entre o 2 e o 3 de marzo

Gastronomía, música, cultura, tradición e innovación. Arzúa acolle a artesáns e profesionais, actividades formativas, culturais e de lecer para festexar os 49 anos dunha celebración onde o queixo é protagonista desde
1976. 

68 expositores participan a primeira fin de semana de marzo da 49ª Festa do Queixo, o recinto feiral 'Terra do Queixo' estará ao completo para recibir visitas de todo o país. Serán dous días de degustacións, presentación de produtos e música en directo nunha carpa con capacidade para máis de tres mil persoas. 

Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa; José Luís Lamas, presidente do Consello regulador da Denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa; Alberto Alfonso, director do Festival do queixo; José Luís García, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa; e Guadi Galego, artista 2024 Festival do queixo, presentaron este xoves o certame. 

Presentación da Festa do Queixo de Arzúa, que se celebra do 2 ao 3 de marzo © Festa do Queixo de Arzúa

A actriz María Vázquez, finalista nos premios Goya deste ano polo seu papel de Ramona en Matria, a película de Álvaro Gago, será a pregoeira desta edición da Festa do Queixo. O seu discurso abrirá o evento o sábado 2 de marzo, ás 11.45 horas, desde o campo da feira de Arzúa. 

A programación artística da festa inclúe sete actuacións entre o 2 e o 3 de marzo. O sábado haberá concertos de Tu Futura Exmujer, gañadores do 'Queixo Maquetón' (21.30 h), La Plazuela (22.25 h), Arde Bogotá (00.20 h) e Grande Amore (02.05 h). O domingo tocarán De Vacas (12.30 h), Guadi Galego (18 h) e Fillas de Cassandra
(19:50 h).

Unha fin de semana de degustacións, presentación de produtos e música en directo nunha carpa con capacidade para máis de tres mil persoas

"Será un concerto dunha autora galega de 50 anos con 25 de carreira. Unha consagración de que estamos vivas como o queixo de Arzúa e un espectáculo dirixido a todo aquel que se queira achegar a música galega sen filtro", asegurou Guadi Galego na presentación da festa.

Dos 68 expositores que integrarán a 'Terra do Queixo', 53 son queixerías: nove da DOP Arzúa Ulloa e seis co certificado de produto lácteo tradicional. Os horarios serán 11 a 20.30 o sábado e o domingo de 10 a 18.30 horas. 

Cartaz da 49ª Festa do Queixo de Arzúa CC-BY-SA Festa do Queixo

O alcalde de Arzúa salienta que é unha festa "de vital importancia" tanto para a vila como para o país

"Na maioría das casas de Arzúa hai algún avó ou avoa que traballou no queixo", dixo o concelleiro de cultura na presentación, para destacar a importancia dar a coñecer esta tradición histórica e cultural ás crianzas. Neste senso, García puxo en valor a celebración da sétima edición do Festival Pequequeixo e as actividades dirixidas ao público infantil. 

O alcalde resaltou a historia desta festa "de vital importancia" tanto para a vila como para o país, motor fundamental da economía da zona de Arzúa e festa de interese turístico de Galicia dende 1999. Xoán Xesús Carril salientou na presentación a diversidade e inclusión nunha festa aberta cunha determinada  aposta polo propio e agradeceu ao concelleiro de Cultura e ao resto de traballadores municipais o seu esforzo na organización.

Na pasada edición da festa lograron un récord vendendo máis de 4.400.000 millóns de euros en queixos

Dende o Consello regulador da Denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa salientaron que na pasada edición lograron un récord en pezas e vendas, vendendo máis de 4.400.000 millóns de euros en queixos. O seu presidente, José Luís Lamas, lembrou que dende que comezou a certificación en 1997 a DOP Arzúa-Ulloa puxo no mercado máis de 75 millóns de quilos de queixo.

Contan con 1.500 explotacións gandeiras das cales máis de 860 seguían en activo no ano 2023. Trátase da primeira DOP en produción e venda de queixo en Galicia e tamén a primeira nos queixos elaborados con leite de vaca en España. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.