A mobilización da comunidade educativa e da cidadanía de Folgoso provocou que a Xunta suspendese o prazo de presentación de ofertas na licitación de rutas
A rapazada do colexio de Folgoso do Courel volve este xoves ás aulas logo de catro días de folga, unha protesta impulsada pola ANPA do centro contra as modificacións previstas pola Xunta no servizo de transporte escolar. A mobilización das familias e da poboación da zona, así como o apoio unánime de toda a corporación municipal, serviron, polo momento, para que a Consellería de Educación suspendese o prazo de presentación de ofertas na licitación das rutas e se comprometese a analizar "polo miúdo" as alegacións.
Pero tamén para que a protesta se espallase por outros centros escolares e municipios da montaña e do rural galego, que se unen ás queixas pola continua perda e o "desmantelamento" de servizos que denuncian nas súas pancartas ou á reclamación dunha "discriminación positiva" nas súas zonas, castigadas ademais polo illamento e atrancos continuos, ben sexa na sanidade ou no subministro eléctrico.
O último, a proposta de contratación de varios lotes de rutas escolares para os centros públicos de cara ao vindeiro curso. No Courel supón, segundo denuncia a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra, menos rutas, máis tempo de viaxe e moitas peores condicións, ademais de por en perigo o emprego dos taxistas da zona.
O novo plan contempla o uso de microbuses en lugar dos taxis de nove prazas de agora, mellor adaptados, menos perigosos e máis rápidos
A suspensión do prazo de presentación de ofertas, que remataba o vindeiro 18 de xaneiro, supón para a ANPA "un pequeno paso". "Pero que quede claro que non é suficiente", asegura Pilar Veiga, a presidenta, que advirte que a Consellería de Educación comunicou a súa decisión á alcaldesa de Folgoso pero que "nunca tivo unha reunión coas nais e pais afectadas".
Tamén alerta de que están dispostos a “organizar outra folga cando faga falta” se non hai un amaño, logo dunha mobilización que serviu, di, de aprendizaxe aos máis pequenos.
O que esixen os pais é “un compromiso” por parte da Xunta “no que se diga que O Courel será un lote único”, de tal forma que se poida manter un sistema de transporte escolar parecida ao que rexe nesta altura.
A ANPA do Courel denuncia a falta de "concreción" e "garantías" na proposta da Xunta e non descarta acudir á vía xudicial se o plan é aprobado
De feito, neste mércores, volvéronse mobilizar ante a sede da Xunta en Lugo. "O rural, a quen lle importa?", pregúntanse desde a ANPA na convocatoria, na que reclamaron o transporte escolar de sempre e advirten do "moi pouco concreto" do anuncio da Xunta e da "falta de garantías" de que as súas demandas sexan atendidas. Non descartan, ademais, acudir á vía xudicial no caso de que o plan previsto siga adiante.
Toda a comunidade educativa, familias e pequenos, apoiados por sindicatos e outros colectivos, lembraron en Lugo que "defender o transporte é defender o rural". "Defender a montanha, defender o nosso rural", rezaba outra pancarta.
A nova proposta da Xunta contempla o uso de microbuses de case 30 prazas para unhas rutas cubertas desde hai décadas por furgonetas-taxi de ata nove asentos, mellor adaptadas á zona, máis rápidas e azosas para as estradas da montaña. Ademais, as firmas que resulten adxudicatarias deben abranguer a un tempo o transporte noutros centros do sur da provincia de Lugo, o que fai inasumible que os taxistas que prestan o servizo poidan optar a el e amplía as rutas. Algún neno do Courel, de confirmarse o cambio, tardaría unha hora en percorrer 15 quilómetros. Outros terían que desprazarse ao encontro do bus en lugar de seren recollidos nas súas casas.
"Precisamos que as administracións fagan as cousas de acordo coas necesidades do rural; é necesario unha discriminación positiva"
Co impulso da Fapacel, Federación Provincial de ANPAs de Lugo, ducias de asociacións de nais e pais doutros centros da provincia e de Galicia amosaron o seu apoio ás reivindicacións do Courel, especialmente desde outros municipios rurais, como o caso de Baamonde, onde a veciñanza loita contra o peche previsto do colexio, ou Cervantes e Navia de Suarna, zonas de montaña onde as mudanzas nos plans de transporte tamén supuxeron atrancos para os máis pequenos.
Así o asegura Isabel Calvete, presidenta de Fapacel e vicepresidenta de ANPAS Galegas, que destaca o "positivo" da unión nas reivindicacións. "Estamos nun momento no que non podemos xogar coa educación dos nenos ou cos postos de traballo no rural. Precisamos que as administracións pensen nos cativos e fagan as cousas de acordo coas necesidades destas zonas; é necesaria unha discriminación positiva", di quen advirte da desaparición progresiva nas zonas de montaña e máis illadas "dos transportes escolares máis adaptados: pequenos, en todoterreo e con posibilidade de achegarse a cada aldea".
"Pasou antes en Cervantes e pasa agora no Courel", quéixase quen alerta das dificultades que decisións coma estas novas licitacións supoñen ao "beneficiar empresas grandes a costa de pequenos autónomos da zona" e, sobre todo, dificultar o traslado dos máis pequenos aos colexios. No Courel, a aplicación do novo sistema suporía tamén a perda do traballo dos taxistas que fan as rutas, afectando o 20% das familias do colexio.
"Espallar as reivindicacións é a gran vitoria porque o problema do Courel é o problema do rural, de Navia de Suarna, de Baamonde..."
Desde a ANPA do centrodestacan que o feito de que se "espallen" as dúas reivindicacións "é fundamental". "Esa é a gran vitoria porque o problema do Courel é o problema do rural, de Navia de Suarna, de Baamonde... É unha problemática real porque nos teñen abandonados e se nos unimos é porque non poden seguir manténdonos así", di Pilar Veiga, que insiste en que outra folga está sempre no horizonte e que tampouco descarta levar a Xunta aos tribunais, ao considerar que o novo sistema de transporte "incumpre a normativa vixente e vulnera dereitos e normativas europeas e estatais".