"A precariedade mata": as educadoras galegas alertan tras o asasinato dunha compañeira en Estremadura

Concentracións polo asasinato dunha educadora social en Extremadura, este 13 de marzo na Coruña, Lugo, Santiago e Ourense CC-BY-NC-SA CEESG

Profesionais da educación social mobilízanse en repulsa pola morte de Belén Cortés a mans de tres menores no centro tutelado onde estaban internados cando a traballadora se atopaba soa ao seu cargo

O asasinato dunha educadora social en Estremadura a mans de tres menores internados nun centro tutelado de cumprimento de medidas xudiciais cando a traballadora se atopaba soa ao seu cargo virou os focos cara a esta realidade. En moitos casos, na vertente do suceso sanguento. Noutros poucos, na vertente de que "a precariedade laboral mata".

Esta é a advertencia que as educadoras sociais galegas quixeron lanzar este xoves, en concentracións na Coruña, Santiago, Lugo e Ourense en memoria de Belén Cortés, a compañeira asasinada. En repulsa polo acontecido, pero tamén en demanda de máis medios para traballar con seguridade en actos convocados polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia canda ás tres universidades públicas galegas, o centro asociado da UNED en Lugo e os sindicatos CCOO, UGT, CSI-F, CIG e STEG.

Concentración na Coruña. CC-BY-NC-SA CEESG

As protestas explican dende o CEESG, tiveron un duplo obxectivo. "Apoiar a familia da vítima", pero tamén "facer visible a loita pola dignidade e a seguridade no traballo das profesionais do ámbito social". É momento, agregan, de "reflexionar sobre o estado do sector" tras un "doloroso suceso" que "pon de manifesto a urxente necesidade" de incrementar a seguridade das profesionais.

Denuncian que a falta de recursos e a externalización de servizos "impactan na calidade da atención e poñen en risco a integridade" de quen a realiza. Advirten, asemade, do "cúmulo de informacións erróneas" en torno ao caso que "estigmatizan nenas e nenos no sistema de protección"

As educadoras, censuran, traballan entre "falta de recursos técnicos e económicos". E, neste sentido, a "externalización de servizos", como no centro de Extremadura onde sucedeu o asasinato, "impactan directamente na calidade da atención socioeducativa" e, en última instancia, "poñen en risco a integridade" do persoal. "Evitar que traxedias como a ocorrida en Badaxoz se repitan" pasa por "medidas que reforcen tanto a seguridade como a calidade do traballo das profesionais".

Neste contexto, a entidade profesional tamén lamenta que, ao fío do asasinato, "asistamos a un cúmulo de informacións erróneas nos medios de comunicación que estigmatizan ás nenas e nenos no sistema de protección". Ata o punto de "confundir os centros de medidas xudiciais cos centros de protección". Neste sentido, o Colexio de Educadoras cre crucial que a información transmitida sexa precisa, respectuosa co traballo das profesionais e, sobre todo, cos dereitos das nenas e nenos".

Concentración en Ourense CC-BY-NC-SA CEESG

"A educación social, como unha das ferramentas principais para a construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, necesita ser blindada pola administración pública", conclúen. E por iso os gobernos deben "tomar accións concretas para garantir unha contorna laboral segura e digna para as e os profesionais do sector".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.