O período de máximo risco comeza o próximo sábado pero a Xunta non remitiu o plan para a súa consulta ás entidades do sector ata o pasado venres
O período de máximo risco de incendios comeza o próximo sábado, pero a Xunta non remitiu o seu Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) ás entidades que forman o Consello Forestal de Galicia ata o pasado venres. Fíxoo mesmo despois de presentarlle as súas principais novidades aos medios de comunicación. Con só unha fin de semana polo medio para poder analizar un documento de varios centos de páxinas, este luns cinco das entidades presentes nese organismo consultivo decidiron non participar nel a xeito de protesta. Foron o Sindicato Labrego Galego, a Federación Ecoloxista Galega, a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Asociación Forestal Frouma.
Segundo as cinco entidades, ademais da demora da Xunta en trasladarlles o documento e da proximidade con que o fai ao inicio do período de máximo risco, "outra das prácticas da Consellaría para abondar neste entorpecemento é poñer a hora de comezo do Consello Forestal pasado o mediodía, para deixar pouco espazo ao debate e tratamento en profundidade das cuestións da orde do día”. “Estas prácticas entorpecedoras das que falamos non son esporádicas, senón que constitúen o modus operandi habitual da Consellaría de Medio Rural”, salientan. As entidades que este luns abandonaron o Consello Forestal fano de xeito puntual, en protesta polo proceder da Xunta, pero matizan que seguirán formando parte do órgano consultivo para “poder cambialo”.
A conselleira espera que as hectáreas queimadas este ano non superen as 15.000, fronte ás 21.000 de 2016 ou as 12.000 de 2015
Na reunión deste luns, como xa fixera o pasado venres o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, a propia conselleira, Ángeles Vázquez, salientou como unha das principais novidades a xeolocalización do persoal e os medios materiais do dispositivo de extinción de incendios, unha mellora tecnolóxica que vinculou novamente de xeito directo cunha maior seguridade. Fíxoo poucos días despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) responsabilizase á Xunta pola morte en 2010 de dous brigadistas que morreron porque tanto eles como unha motobomba que acudía no seu auxilio se desorientaron.
A conselleira tamén indicou que o obxectivo para este ano é que as hectáreas queimadas non superen as 15.000 e que o número de incendios de máis de unha hectárea non supere os 559, cifras que se establecen en función das medias dos últimos anos. Como comparación, o ano pasado arderon en Galicia unhas 21.000 hectáreas, mentres que en 2015 foron unhas 12.000. De momento, no que vai de ano xa se queimaron en Galicia máis de 3.000 hectáreas.