A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, e a PDRA, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, veñen de denunciar ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a contaminación provocada pola Mina de Touro-O Pino.
O ecoloxistas, apoiados polas confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas e depuradores, apostan deste xeito por comezar o proceso xudicial contra a instalación mineira, un paso que pretenden sexa definitivo para pechar calquera posibilidade de reapertura da mina de Touro. Para iso presentaron ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha ampla documentación que acredita o prexuízo que a explotación está a causar en ríos, mananciais e augas subterráneas das proximidades da mina.
Ambos colectivos están convencidos de que as probas achegadas teñen a suficiente relevancia para sustanciar unha denuncia encamiñada a depurar responsabilidades derivadas dos danos ocasionados aos recursos naturais, ao medio ambiente, así como á saúde pública. Esas responsabilidades poderían estenderse tamén aos responsables dos departamentos administrativos implicados neste caso pola presunta falta de control e omisión de sanción polas continuas verteduras contaminantes ás augas.
Evidencias da contaminación
Segundo explican os denunciantes nun comunicado, ante as evidencias da contaminación continuada dos ríos arredor da mina de Touro postas de manifesto en analíticas encarregadas por ADEGA, solicitouse á administración hidráulica datos oficiais sobre o estado das augas nos puntos de control arredor da explotación mineira. Augas de Galiza achegou datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras que amosan a contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que rodean a antiga mina.
As análises evidencian que ríos, augas superficiais para consumo humano e mesmo augas soterradas superan os límites legais de substancias contaminantes, algunhas delas perigosas prioritarias, incumprindo as Normas de Calidade Ambiental (RD 817/2015) e os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano (RD 140/2003). Esta contaminación é detectable nunha superficie duns 65 km2 arredor da mina con afectación ao curso medio do Ulla, constatándose segundo os datos oficiais, cando menos dende hai 10 anos até a actualidade.
Augas de Galiza achegou datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras que amosan a contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que rodean a antiga mina.
Os mesmos datos oficiais confirman tal grao de acidez e carga metálica nas súas augas, ou o que é o mesmo, a demostración do fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración e control da contaminación efectuados nas balsas e ríos que drenan a contorna mineira. Uns feitos que supoñen un perigo para as persoas, a fauna e a flora, e en xeral para o medio ambiente. Neste senso, hai que ter en consideración que as augas do río Ulla, no curso posterior á mina de Touro, abastecen as traídas municipais de auga potable de trece concellos (Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa), cunha poboación aproximada de 150.000 persoas.
Ademais, o río Ulla é o máis caudaloso dos que alimentan a ría de Arousa e a súa contaminación pon en risco a principal área de produción de moluscos de Galicia e da UE, e mais alá da prestación de servizos ecosistémicos, e dos seus valores culturais, do patrimonio histórico e inmaterial ou paisaxísticos, os colectivos ecoloxistas destacan o valor socio-económico da ría de Arousa, que se supón o 44,5% das mariscadoras a pé, o 41% das embarcacións de artes menores ou o 68,7% das bateas de mexillón de Galicia.
Esta situación preocupa e moito aos produtores da ría de Arousa, que durante a rolda de prensa para dar conta desta denuncia, criticaron "a irresponsabilidade da Xunta, que fixo a vista gorda durante tres décadas" a pesar de ter todos os datos. "A administración terá que poñer nunha balanza que é o que se está xogando, os nosos intereses ou intereses alleos que poden ser daniños para nosa actividade", explica Ruperto Costa, patrón maior de Cambados.
Os produtores da ría de Arousa criticaron a irresponsabilidade da Xunta, "que fixo a vista gorda a pesar de ter todos os datos"
Feitos delitivos
Adega e PDRA explican que "estamos pois no caso dunha conduta que encaixa cos requisitos esixibles no art. 325 e ss do Código Penal para cualificar os feitos como delito: Unha contaminación reiterada e persistente das augas debida á actividade mineira e á ausencia ou ineficacia de supostas medidas e tratamentos de rexeneración e control; Infracción da normativa reguladora ao sobordar os parámetros e actuar sen permisos do organismo de conca -Augas de Galicia-; e xerar unha situación de perigo grave para as persoas, á fauna e flora e ao medioambiente". Ademais, o artigo 45 da Constitución Española establece como obriga dos poderes públicos velar polos recursos naturais, a fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente.
Por estes motivos Adega e a Asociación pola Defensa da Ría de Arousa solicitan á Fiscalía que abra as oportunas dilixencias para verificar os feitos e dea traslado ao xulgado da correspondente denuncia contra a empresa Explotaciones Gallegas SL. para depurar as responsabilidades, alén das que tamén poidan atinxir aos responsables dos departamentos administrativos implicados pola presunta falta de control e omisión de sanción das continuadas verteduras contaminantes ás augas.