O colectivo LGBTIQA de Ourense e profesionais da sanidade crean o primeiro manual para atender persoas trans do Sergas

Presentación do primeiro manual de boas prácticas na atención en saúde a persoas do colectivo trans en Ourense CC-BY-SA Área sanitaria de Ourense/Sergas

O primeiro 'Manual de boas prácticas na atención en saúde a persoas do colectivo trans' desenvolvido nun centro sanitario público en Galicia está dispoñible para todo o persoal do Sergas da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e é froito do diálogo entre o colectivo LGBTIQA+ e diversos perfís profesionais da sanidade, o dereito ou o traballo social

As preguntas que se fixo un médico especialista en Dixestivo no Hospital de Ourense a raíz de ter ingresada a unha persoa trans no seu servizo foron o xermolo do primeiro Manual de boas prácticas na atención en saúde a persoas do colectivo trans desenvolvido nun centro sanitario público en Galicia.

As inquedanzas deste sanitario sobre como tratar con ese paciente sen revitimizalo ou incomodalo levárono a consultar na Unidade de Formación da área sanitaria de Ourense, cuxa responsable, Esther Pérez, decatouse que de “non había nada escrito” en todo o material do que dispuñan no Sergas. “A consulta colleunos por sorpresa, pero ao ver que non existía ningunha pauta decateime de que tiñamos que facer algo”, asegura en conversa con Praza.gal.

A endocrinóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) Iciar Solache estaba predestinada a participar neste proxecto, pois ela é a encargada das persoas trans na súa área: “Moita xente ten prexuízos acerca do que é ser trans e creo que o obxectivo de todo isto é aportar a información suficiente para que se vexa con normalidade ás persoas trans, porque son tan normais como o podemos ser calquera, coas súas diferenzas como o resto da xente. Quero pensar que moitos dos prexuízos obedecen á falta de coñecemento, por iso temos que actuar, porque canta máis información temos sobre as cousas, máis as normalizamos e, por suposto, máis as respectamos. Desde o punto de vista sanitario é preciso normalizar o que é ser cis ou trans e coñecer as diferenzas para dar un bo trato a todos os doentes”.

Este manual de boas prácticas recolle conceptos relacionados coa diversidade sexual e de xénero, recomendacións de comunicación, aspectos vinculados á privacidade, e pautas para a prevención de situacións de discriminación, de maneira que unha práctica axeitada non dependa só da boa vontade de cada profesional sanitario en concreto. 

Con todo, o manual non é público, mais está ao dispor de todo o persoal do Sergas da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para a súa consulta. Por este motivo, apostaron por interpelar a toda a cidadanía a través dun decálogo que resume as principais recomendacións para a atención cotiá das persoas trans, como respectar o nome e os pronomes elixidos por cada persoa.

No decálogo tamén instan a que o persoal sanitario deixe constancia en IANUS (a historia clínica electrónica do Sergas) cando a identidade comunicada non coincida coa recollida na historia; a extremar a discreción en espazos públicos; preguntar con respecto ante a dúbida; e mais a validar a identidade e o proceso da persoa. Ao tratar cunha persoa trans é importante evitar preguntas innecesarias sobre a súa corporalidade e crear espazos seguros.

"Moitas das situacións incómodas, incluso ás veces dolorosas, que se poden xerar non son con mala intención, senón por falta de formación. Mellorando neste aspecto poden crearse ambientes máis seguros e confortables para as persoas, o que todos precisamos", sinala a endocrino Iciar Solache

“Moitas das situacións incómodas, incluso ás veces dolorosas, que se poden xerar non son con mala intención, senón por falta de formación. Mellorando neste aspecto poden crearse ambientes máis seguros e confortables para as persoas, que é o que todos precisamos en calquera sitio ao que imos; sexa no eido sanitario, no banco ou no supermercado, a todos nos gusta sentirnos a gusto, máis aínda en situacións estresantes como cando tes falta de saúde”, salienta a especialista en Endocrinoloxía. 

No décalogo figura, ademais, a recomendación de derivar a Psicoloxía ou Psiquiatría só cando exista unha demanda expresa de apoio en saúde mental por parte da persoa trans. Un punto fundamental para o avogado especialista en dereito á saúde e loita contra a discriminación Miguel Vieito, que lembra que “ser trans non é unha patoloxía, non se pode diagnosticar”. De feito, coa lei trans non se pode obrigar á deriva a saúde mental, un extremo que moitos profesionais sanitarios descoñecen. 

Decálogo de boas prácticas na atención en saúde a persoas do colectivo trans CC-BY-SA Área sanitaria de Ourense/Sergas

"O documento existe tamén porque busca que o sistema aplique e sensibilice máis alá do nome das persoas individuais, por iso o interesante é que noutras áreas creen os seus propios manuais", asegura o avogado Miguel Vieito

En definitiva, as aportacións do decálogo inciden na necesidade de respectar os ritmos e as decisións de cada persoa e reforzar a confidencialidade e a protección dos seus datos persoais. “Todas as transicións son individuais, non hai un ritmo único. Debemos informar e acompañar nas decisións á persoa, pero non dirixir”, apunta Solache. 

O grupo de traballo estivo activo máis de dous anos e nel participaron, ademais de Esther Pérez, Iciar Solache e Miguel Vieito, o psicólogo e coordinador de Apoyo Positivo Ourense Pablo Barrio; Lucía González, educadora social e sexóloga; Éric Rodríguez, formador en diversidade; María José Rodríguez, da asociación ourensá Euforia Familias Trans Aliadas; Roberto Rodríguez; Enzo Sarmiento; Celsa Perdiz, traballadora social do Centro de Orientación Familiar de Ourense; Miriam Vázquez, da Unidade de Calidade e Belén Piñeiro, de Atención ao Paciente e Humanización do Sergas na área ourensá.

“Isto é un fito, que o sistema sanitario galego se comprometa con este documento e o faga público é un fito; e tamén supón o apoderamento do colectivo LGBTIQA+ do país, a constatación de que se pode xerar coñecemento de calidade e con rigor. Á parte dun exemplo de que se pode traballar en conxunto dende distintos enfoques e chegar a puntos comúns, pois o documento foi de consenso entre todos”, destaca Miguel Vieito, quen detalla que o manual foi redactado dende o colectivo LGBTIQA+ tras todo o traballado no grupo multidisciplinar, e que o Sergas deu amparo a todo o seu contido

"Os sanitarios e o sistema sanitario temos que dar cabida a todos, todas e todes, por iso temos que empezar a ser máis sensibles a outras realidades que están aí", di Esther Pérez, responsable da Unidade de Formación da área sanitaria de Ourense

Con este manual deseñado para atender á realidade ourensá preténdese chamar a atención do resto de áreas sanitarias para que repliquen esta experiencia. Trátase de establecer un diálogo e de crear vínculos entre o colectivo LGBTIQA+ local e os profesionais do eido sanitario (pero non só) que traballan nesa área. “O documento existe tamén porque busca que o sistema aplique e sensibilice máis alá do nome das persoas individuais, por iso o interesante é que noutras áreas creen os seus propios manuais, adaptados aos seus recursos e necesidades concretas”, sinala Vieito. 

Os sanitarios e o sistema sanitario temos que dar cabida a todos, todas e todes, por iso temos que empezar a ser máis sensibles a outras realidades que están aí. Se non existen estes protocolos é porque non houbo tempo de facelos, pero poñámos xa porque temos que estar preparados”, argumenta Esther Pérez, que confirma a boa acollida do manual entre o persoal das distintas categorías do Sergas nesta área, que se caracteriza pola dispersión do seu persoal, que tivo e terá máis oportunidades de formación vencelladas ao documento para atención ás persoas trans. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.