Santiago Agrelo, o bispo galego que chegou a Tánxer votando ao PP e volve transformado polos migrantes

Santiago Agrelo, bispo de Tánxer dende 2007 © Diocese de Tánxer

Santiago Agrelo converteuse en bispo tres días antes de cumprir os 65 anos, en 2007. Non o solicitou, nin o imaxinaba. E por sorpresa, tras dous anos de espera, o pasado martes chegou a aceptación do Papa Francisco da súa renuncia ao bispado de Tánxer.

Aterrou no país magrebí hai 12 anos. Non coñecía o mundo das fronteiras, nin a vida das persoas migrantes, e "non sabía o que me esperaba en Marrocos". Agora marcha con "marcas; xa non profundas, indelebles". A mediados de xuño volve á súa terra, coa súa congregación, a un mosteiro de 80 franciscanos en Santiago.

Sempre se camuflou nos lugares onde habitou, como Roma ou Santiago; e en todos tivo que aprender, pero en Tánxer "batín de fronte coa migración, que era algo novo para min". De feito, cando morreron as primeiras persoas no valo de Ceuta, Agrelo era párroco no Bierzo, e pensou: "Quen lles manda achegarse ao valo?". Máis tarde, en Marrocos "comprendino enseguida".

Agrelo é bispo de Tánxer dende 2007 e o Papa Francisco vén de aceptar a súa renuncia, aos 75 anos

O luns, o primeiro día de normalidade tras a noticia da súa marcha, o patio do bispado de Tánxer exhumaba tristura. Un traballador social confesou que chorara desconsoladamente a fin de semana; a psicóloga que atende aos migrantes non resistiu as bágoas, e aos migrantes subsaharianos que se refuxian ás portas da catedral preocúpaos que vai ser deles.

No seu despacho, o computador está aberto sobre a mesa. Agrelo levántase para sentar no sofá e recibir a eldiario.es. Nese momento chancea porque se decata de que se converteu nun bispo emérito. E cun sorriso e tranquilidade, que lle faltaron nos últimos meses, búrlase de si mesmo: "Aquí pinto menos que o párroco. Xa non son ninguén na Diocese. Hai que saír pitando".

"Non é o mesmo ler o Evanxeo nunha catedral que nunha 'patera'; eu tento lelo na 'patera' xa para sempre"

Ao principio, a noticia colleuno por sorpresa e as primeiras noites non lle permitiu conciliar o soño. Neses períodos de reflexión na capela, decatouse da "lucidez" que lle deu Marrocos, porque "non é mesmo ler o Evanxeo nunha catedral que nunha patera. E eu tento lelo na patera para sempre xa".

Segue pelexando até o final. Critica a represión e as expulsións que sofren desde o verán, tras o avance das negociacións con España e a Unión Europea, "que a un migrante lle impidan achegarse ao norte de Marrocos é unha violación dun dereito fundamental da persoa".

Agrelo, con migrantes aos que atende a Diocese de Tanxer © Diocese de Tánxer

Garda os testemuños dos migrantes 

Non coñece o nome de todas as persoas ás que axuda; algúns dos migrantes tampouco saben como se chama, pero para el "son moi importantes; e téñenme un gran respecto". Situouse de parte dos migrantes, no canto do que chama o "outro lado". Garda como un tesouro os testemuños dos propios protagonistas, do que están a pasar, "porque no futuro, cando alguén lea isto, pode sentir admiración polos migrantes, e mágoa e enorme vergoña de como nos comportamos con eles".

"No futuro, cando alguén lea isto, pode sentir admiración polos migrantes e mágoa e enorme vergoña por como nos comportamos con eles"

Denunciou os malos tratos que sofren. Recolleu feridos o monte polos golpes recibidos das forzas de seguridade ou porque caeron tentando saltar o valo. Tamén protexeu as vítimas das redadas nas vivendas.

Está convencido de que a visita do Papa non vai cambiar nada das políticas migratorias, e se o fai será a peor. "A situación dos migrantes vai ser peor mañá do que o é hoxe", garante. E así foi desde que chegou a Marrocos hai doce anos, a situación dos migrantes non fixo máis que empeorar, como situación humana, situación de vulnerabilidade, como situación de indefensión, como situación de exposición á violencia, ha ir sempre a peor".

Comenta como desde o mes de agosto de 2018 non sobe ao monte de Beliones, como cada luns e xoves a entregar alimentos, mantas e medicamentos, "porque non hai a quen levar nada, alí". Con todo, no patio da catedral, refúxianse ao redor de medio cento de persoas desde que a finais de verán comezaron en Tánxer as detencións, as expulsións a localidades do sur do país, e as deportacións aos países de orixe. Isto desanimou enormemente ao bispo.

Antes de vivir en Tánxer votaba ao PP

Ata que se trasladou a Marrocos, sempre votara ao Partido Popular porque "tiñas a garantía de que era unha tranquilidade, de normalidade". Ao chegar a un lugar onde "os pobres están abandonados pola normalidade", decatouse de que "a normalidade non é aceptable". Por iso, pensa que moitos cristiáns non o entenden porque non tiveron diante "ao fillo, irmán, amigo que ten fame e está tirado".

O que quedará cravado para sempre é "o sentido de impotencia co que me tocou vivir todos estes anos fronte a problemas gravísimos que as sociedades poden resolver inmediatamente asinando un papel e que nos fan sentir a todos impotentes ante a morte de miles de persoas", lamenta, en relación a algúns acordos sobre migración asinados con Marrocos ou a Unión Europea.

"O día no que se tome conciencia disto tenderase a esquecelo e a negalo, como tendemos a esquecer o Holocausto. É unha mágoa que esteamos a escribir unha historia tan nefasta, cando poderiamos evitalo"

"Sabes a cantidade de xente que morreu? Eu non levo a conta pero de cando en vez aparece alguén que che di a cifra; e aquí nas nosas fronteiras, é absolutamente inaceptable", di.

Adianta que "o día no que se tome conciencia disto tenderase a esquecelo e a negalo, como tendemos a esquecer o Holocausto. Pero iso xa ninguén o vai a borrar da historia. E é unha mágoa que esteamos a escribir unha historia tan nefasta, cando poderiamos evitalo". Para Agrelo a solución pasa por regular eses fluxos migratorios, darlles unha canle legal. E, con todo, considera que nos empeñamos en pisar un dereito fundamental, o dereito das persoas a "buscar un espazo vital no que poder vivir con dignidade".

Arrepentiuse de escribir a carta de invitación ao Papa Francisco para visitar Marrocos "porque non sabía as consecuencias para os migrantes". Decatouse cando o nomearon responsable de recibir ao Papa en Cáritas Rabat, porque as instrucións do Vaticano lle indicaron dirixirse a "os inmigrantes con papeis".

E, quen quedaron fóra? -pregúntase-

Aqueles nos que estaba a pensar cando escribín a carta, os sen papeis -respóndese-

Santiago Agrelo, co Papa Francisco © Diocese de Tánxer

No saúdo ao Papa Francisco en Caritas fixo referencia -como lle indicaron- aos migrantes con papeis, que eran aos que recibía o Papa, pero dedicou a metade do tempo aos "grandes ausentes alí", os migrantes sen papeis, para os que pediu a palabra da súa Santidade. Este tamén fixo un discurso "contundente".

As tres barreiras en Marrocos

"Cantos cristiáns hai en Unidas Podemos, en EU, ou no PSOE, e ademais normalmente moi responsables!"

Na súa carta de despedida dirixe unhas palabras de agradecemento a Marrocos. Enténdese que é de obrigado cumprimento; aínda que cortesías aparte, Agrelo mostra gratitude cara ás as autoridades e ao pobo marroquí: "Foron sempre moi atentos e delicados comigo, mesmo cando non estaban de acordo". Rememora cando subía os alimentos ao bosque e es atopaba con representantes da autoridade.

-Oia, señor, que isto aquí non o pode facer. Se queren comer, que vaian á cidade -increpábano a Xendarmería Real e as Forzas auxiliares-.

-Mire, eu non entendo nin de bosques nin de cidades; eu entendo de persoas que teñen fame, e se podo aliviar a situación, fágoo. Vostede fai o seu traballo, e eu o meu.

Mantendo cada un a súa posición, "pero sempre nos respectamos", matiza. Iso non quita ferro aos momentos de confrontación coa Administración por mor de axudar os migrantes, pola liberdade relixiosa, e pola política pois, apunta, "non podemos pronunciarnos sobre a política de Marrocos. Ademais, eu teño a liberdade de conciencia, pero un marroquí non a ten".

Tamén desatou a polémica hai anos cando declarou que "Deus era de esquerdas". Defende que "a Igrexa ten que desenvolver o seu papel con Podemos ou EU na sociedade, con quen sexa, non podemos estar cuns e contra outros. Temos que convivir con todos, temos que estar por encima da loita política. Cantos cristiáns hai en Unidas Podemos, en EU, ou no PSOE, e ademais normalmente moi responsables!".

Mobilización polos dereitos das persoas migrantes en Tánxer © Diocese de Tánxer

A partir do 16 de xuño, "vida nova" en Santiago

O 16 de xuño celebrará a misa, como un domingo máis, "e vida nova". Esa mesma tarde emprenderá o camiño a Santiago, cruzando o Estreito.

Até aquí chegou esgotado. Os últimos meses paseou coa cabeza baixa. Desexaba o retiro. Solicitouno ao cumprir os 75 anos, pero seguiu esperando a que a Nunciatura atopase un substituto. Na xerga eclesiástica é a fórmula "Nunc pro tunc" (Agora por entón). Con todo, con outra carta de renuncia "por razóns miñas persoais", dirixida ao Papa Francisco no mes de marzo, pouco antes da súa visita a Marrocos, conseguiu o beneplácito do Vaticano.

Quen remude a Agrelo será outro bispo franciscano, aínda que probablemente non virá de Galicia. Dende o século XIX os bispos de Tánxer son da provincia franciscana de Santiago

Retírase sen remuda. O bispo de Rabat, Cristóbal López, quedará ao cargo da Diocese de Tánxer ata que envíen un substituto. Na catedral séntese a tristeza e a preocupación.

Será outro bispo franciscano, aínda que probablemente non virá de Galicia. Desde o século XIX os bispos de Tánxer son da provincia franciscana de Santiago. Agrelo descoñece con que criterio nomean os sucesores nas nunciaturas, pero espera que "o meu sucesor respecte as institucións e ás persoas que están a dar a vida aquí polos necesitados; e que os migrantes estean mellor co que veña".

Daríalle mágoa que o próximo en incorporarse non proteste, que garde silencio, aconsellado pola ordenación eclesiástica competente. Desde agosto, un grupo de migrantes dorme na igrexa. Agrelo pregúntase que vai ser deles, até cando vai durar esta situación... e angústiase. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.