A plataforma SOS Sanidade Pública e a xunta de persoal da área de Vigo chaman a unha nova manifestación, apoiada polo colectivo de traballadores de atención primaria da cidade, o vindeiro 17 de marzo ás 20:00 horas, tres días antes de que arranque a campaña electoral para os comicios do 5 de abril. A convocatoria insta a "recuperar a sanidade pública" e denuncia os problemas na atención primaria e hospitalaria e na contratación.
A plataforma considera que a situación "é moi mala" e que as cousas "non melloraron" pese ás protestas
A sanidade galega acumula anos de conflitos e a última mobilización reuniu o pasado 9 de febreiro a milleiros de persoas en Santiago de Compostela, en resposta a outra convocatoria de SOS Sanidade Pública. A próxima protesta céntrase na cidade de Vigo. "A situación sanitaria é moi mala en toda Galicia e, en particular, en Vigo", criticou o portavoz da plataforma, Manuel Martín, que considera que as cousas "non melloraron".
O Consello Técnico de Atención Primaria creado despois das mobilizacións do ano pasado amosou que "a vontade da administración é nula", dixo Martín, que denunciou que "non está habendo ningunha reforma substancial". Se ben Galicia é, ao seu xuízo, "punta de lanza" no Estado porque "avanzou moito máis a liña neoliberal" na sanidade, tamén conta coa "punta de lanza de oposición por parte dos grupos" que representan ao persoal sanitario. "Feijóo é un fanático da colaboración público-privada", afirmou.
A convocatoria da manifestación asegura que a área sanitaria de Vigo "segue padecendo as consecuencias dos experimentos privatizadores da política sanitaria do Partido Popular". A atención primaria segue "marxinada" e precisa "máis persoal de todas as categorías" e máis investimento e que non haxa problemas para acceder ás probas diagnósticas. As consultas, engade, "seguen masificadas" e os puntos de atención continuada (PAC) teñen "una presión asistencial tamén insoportable".
Na atención hospitalaria, o texto critica que a área de Vigo ten a maior lista de espera cirúrxica de Galicia, algo que atribúe aos recortes no hospital Álvaro Cunqueiro e á renovación do concerto con Povisa. A "falta de recursos" explica as "dificultades" que se producen "periodicamente" nas urxencias. A todo isto súmase "o deterioro das condicións laborais do persoal da sanidade pública, con contratacións precarias e abusivas", agrega.
Denuncian falta de investimento e de persoal e un "deterioro" nas condicións dos profesionais sanitarios
Martín confía en que "moita xente" acudirá á manifestación do día 17, que, afirma, se convocou antes de que se coñecese a data das eleccións galegas. "O goberno empéñase en dicir que isto é unha manipulación política; nós dicimos que isto é, evidentemente, política sanitaria, pero non temos ningunha historia partidista", concluíu.